sábado. 04.05.2024

Maña domingo, 17 de setembro, ás 20 h a igrexa de San Domingos acollerá un concerto a cargo da arpista Marta Quintana dentro programación de actividades do “Setembro xudeu en Tui”.

Nesta interesante cita musical Marta Quintana interpretará diversas pezas do seu repertorio así como música sefardí.

A concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana Núñez Álvarez, salienta que este concerto enriquece o programa de actividades do “Setembro xudeu en Tui” que organiza o Concello tudense para a promoción e difusión do patrimonio xudeu que atesoura a nosa cidade. A mestura da música tradicional galega e da tradición sefardí que realizará Marta Quintana neste concerto resulta moi suxerinte, en palabras da concelleira tudense. A entrada ao concerto é libre ata completar o aforo.

Amais do concerto mañá domingo, dentro da programación “Setembro Xudeu en Tui”, ás 11.30 h haberá unha visita guiada co título “Ourives xudeus e criptoxudeus tudenses” a cargo do historiador da arte José Ramón Fernández Fernández. Comezará na Oficina Municipal de Turismo. Non é precisa inscrición previa.

QUINTANA

Marta Quintana é unha arpista formada na ETRAD (Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional) de VIGO con estudos no Conservatorio Histórico de Santiago de Compostela, nacida en Pereiras-Mos. Diplomada en Graduado Social e Diplomada pola Facultade das Ciencias da Educación na Especialidade de Música pola USC. Na actualidade é directora do CRA “Mestra Clara Torres” de Tui.

Foi membro do Coro da Rá, Orfeón Terra A Nosa, A Capela Compostelana, Coro Universitario da USC e Camerata ad Libtum, entre outras organizacións corais, coas que participou en gravacións discográficas; colaborando con Julio Iglesias no CD " Mi vida grandes éxitos" no 1998.

Como arpista e cantante compartiu escena con Budiño, Mercedes Peón, Uxía, Nicolasito Caballero e máis artistas recoñecidos no ámbito tradicional na Galicia.

Formou parte do dúo Sete Saias co que realizou un traballo discográfico publicado no 2006 co mesmo nome. Representa a Galicia no Festival Intercéltico de Lorient (2009). No 2011 compón, autoedita e produce “Amable” un traballo co que representa a España no Festival Mundial de Arpa de Paraguay ou no Festival Internacional Arpas del Mondo de Cerdeña (2016), nos Días Españois en Bialystok – Polonia (2017)

Colabora na gravación do disco “O soro da verdade” do artista galego Toñito de Poi (2012) e no 2014 compón, produce e edita o disco “Lus” dedicado aos poemas do poeta Díaz Castro con motivo do seu recoñecemento nas Letras Galegas polo que realiza unha xira por Galicia con numerosos concertos coa colaboración da Consellería de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Durante a súa traxectoria artística colaborou coas salas de música referentes na música tradicional en toda Galicia e poñendo música a textos de sonados escritores galegos como Valle-Inclán, Carvalho Calero, María Victoria Moreno, Carlos Casares, Díaz Castro...

Realiza diferentes concertos en salas e teatros de Galicia: Salasón, Ingrávida, Fábrica de Chocolate, Casa das Crechas, Casa de Arriba...

Discografía:

Lus (2014)

Os poemas de Díaz Castro inspiraron a Marta para compoñer estas fermosas cancións cheas de forza e de reivindicacións. As letras poderían ser feitas xusto hoxe, nesta mesma mañá.

As composicións musicais son de Marta Quintana e os arranxos de Cuchus Pimentel. O disco foi gravado por Cuchus Pimentel e mesturado por René Molinos.

Amable (2011)

Traballo no que coa súa fermosa voz e súa arpa, mestura a música tradicional coa de autor. Temas propios, ritmos tradicionais e sons actuais.

Sete Saias (2006)

Neste primeiro proxecto musical abarcan non só a música tradicional, principal fonte de inspiración do traballo, incorporan tamén temas propios e da tradición irlandesa.

Contan coa colaboración de grandes artistas como é o caso de Rodrigo Romaní.

 

 

 

 

A arpista Marta Quintana ofrece mañá domingo un concerto na igrexa de San Domingos
Comentarios