O primeiro son musical que calou na alma de Manuel Rico Verea (Boimorto, 1948) foi o alalá que seu avó entoaba co arado de pau, un eco primixenio dunha tradición oral que este ano centra o Día das Letras Galegas. "Si que oín cantar moito de pequeno a xente que paraba na casa cando viña das festas. Tiñamos unha taberna e na miña memoria foron quedando aquelas coplas", lembra este mestre e profundo coñecedor da música tradicional.
Rico Verea é o autor de Por que non hei de cantar?, a edición conmemorativa que a Real Academia Galega (RAG) ofrece con motivo desta efeméride dedicada ás cantareiras e á poesía popular oral, e que xa está dispoñible para descarga na sección de publicacións de academia.gal. Este volume divulgativo presenta ás cantareiras de Cerceda, Malpica e Muxía como as figuras representativas desta celebración, percorre as principais recompilacións históricas da lírica popular e conclúe lembrando a figura crucial de Dorothé Schubarth (1944-2023).
A etnomusicóloga suíza viaxou incansablemente por Galicia entre finais dos 70 e principios dos 80, na procura de melodías ancestrais. O resultado deste inxente traballo é o monumental Cancioneiro Popular Galego, elaborado coa colaboración de case 600 informantes e do académico Antón Santamarina, quen precisamente pronunciará unha das alocucións centrais no pleno extraordinario da RAG este sábado en Malpica de Bergantiños.
Manuel Rico cualifica o cancioneiro de Schubarth e Santamarina como "a obra definitiva", un traballo que revolucionou a metodoloxía da investigación posterior, grazas aos coñecementos que a especialista achegou de Europa. "Eles dous fixeron agromar tempos novos para a lírica e a música tradicional oral que transmitiron os últimos informantes dunha sociedade galega con cambios abruptos vividos durante o século XX", valora o estudoso.
O autor de Por que non hei de cantar? confía en que esta celebración das Letras Galegas 2025 impulse unha nova valoración do rico corpus literario e musical do cancioneiro galego. "Se así é, seguro que viviremos unha nova primavera musical", augura. A primeira, lembra, floreceu coa propia recolla de Schubarth, quen fixo ver ás persoas que lle abrían as portas e compartían os seus cantos a inmensa riqueza do legado cultural que posuían. "Dorothé é quen apodera todas as súas informantes, e estas informantes saen do seu silencio e comezan outra vez a transferir eses coñecementos ás novas xeracións", analiza Manuel Rico. "E así estamos neste momento, nunha explosión que seguramente se debe a ela, unha explosión que potencia a existencia do rol das cantareiras, das pandeireteiras, dos bailadores e das bailadoras, de todo o que conforma o ciclo do cancioneiro tradicional", engade con entusiasmo.
Rico tamén subliña o papel esencial de Antón Santamarina neste proxecto que marcou un punto de inflexión para a cultura galega. "Nunca deixarei de reiterar o mérito especial que tivo. Cando Dorothé chega a Galicia en 1978, el foi quen se decatou de que tiñamos diante unha musicóloga que podía facer realidade ese cancioneiro arelado, recollido con gravación de voz e cun método rigoroso", afirma.
Da aula á edición: un legado compartido
A conexión de Manuel Rico con este universo da tradición oral vén de lonxe. Coñeceu a Dorothé Schubarth a finais dos anos 70 e contou coa súa guía para a edición do Cancioneiro popular das Terras do Tamarela (1989). "Ela abriume os ollos sobre moitas cuestións que debe saber un colector de música tradicional", agradece. Este volume, que reúne coplas da súa terra natal, Boimorto, naceu da experiencia pedagóxica que Rico desenvolveu co seu alumnado do colexio Armando Cotarelo no curso 1978-1979. Os nenos e nenas convertéronse en improvisados recompiladores das cantigas que aínda resonaban na memoria dos seus avós.
O propósito deste proxecto educativo era revalorizar a lingua e a riqueza da creación poética oral, mostrando aos estudantes que os recursos estilísticos que estudaban na aula eran utilizados de xeito natural polos cantores populares. Foi así como Manuel Rico comezou a súa propia labor de recolla, tras regresar a Galicia despois dunha etapa en Ondarroa, onde o interese local polas tradicións culturais o contaxiou profundamente. Membro do emblemático grupo A Quenlla, Rico tamén publicou numerosas obras que exploran a aplicación pedagóxica da poesía popular oral, como Imos canta-los nadais, Tantarantán tantarantán, tantarantiña, Heiche cantar un conto, Vente vindo, ven cantando, Cantos de berce e, máis recentemente, Eu ben vin, virivín. Cancioneiro infantil para dicir, contar e cantar.
Na actualidade, dirixe un taller experimental de música tradicional que edita diversos documentos sonoros, como A pulguiña e o pulgón ou Arrolín, arrolán. A súa última contribución é a edición crítica de Canto popular gallego (1940) de Luis María Fernández Espinosa (1876-1960), unha publicación que coincide significativamente coas Letras Galegas dedicadas ás cantareiras. Con esta obra, Rico salda unha débeda simbólica que se remonta aos seus anos de bacharelato no seminario de Herbón, onde descubriu este traballo do frade franciscano, colaborador de Casto Sampedro, autor do primeiro cancioneiro galego con melodías (publicado postumamente en 1942). O volume de Fernández Espinosa, lembra Rico, foi o primeiro libro que tivo nas súas mans onde se reflectían versos que falaban da vida na súa aldea, versos creados polo pobo e na lingua do pobo que, como aquel alalá do seu avó, constitúen a esencia desta celebración do 17 de maio.
Malpica, epicentro das Letras Galegas 2025
A Real Academia Galega celebrará o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas no Centro Cívico e Cultural de Malpica de Bergantiños, terra natal das Pandeireteiras de Mens, que xunto a Adolfina e Rosa Casás (Cerceda) e Eva Castiñeira (Muxía) personifican esta edición dedicada á poesía popular oral e ás súas intérpretes. O pleno, que comezará ás 12:30 horas, contará coas intervencións académicas de Ana Boullón, impulsora da candidatura; Antón Santamarina; e o expresidente da RAG Xesús Alonso Montero. A música correrá a cargo das Tanxugueiras, exemplo da renovación da tradición dende a modernidade. A sesión será de entrada libre e poderá seguirse en directo a través da web da Academia e a súa canle de Youtube.
Esta celebración reivindica o legado de tantas mulleres que, como as homenaxeadas, foron creadoras e transmisoras da poesía popular oral, e a súa continuidade en novas voces como as de Aida Tarrío, Olaia e Sabela Maneiro.
Este será o segundo acto da RAG con motivo das Letras Galegas 2025, tras a presentación de Primavera das Letras en Cerceda. A programación inclúe tamén un encontro de especialistas en Muxía no outono.
A celebración expandida: documental e toponimia na rede
Ademais dos eventos presenciais, a RAG celebra as Letras Galegas na rede con contidos para todas as idades. A sección especial na súa web ofrece a serie documental Se canto é porque quero, dispoñible en Agalega.gal e que se emitirá na G2 o 15 de maio. Tamén se estrean episodios da serie O Seminario de Onomástica responde, dedicados a topónimos das protagonistas, como Vila da Igrexa, Cerceda e Mens, e proximamente Malpica de Bergantiños e Muxía.
Tres territorios, un canto común
A RAG personifica esta celebración nas catro Pandeireteiras de Mens falecidas hai máis de dez anos: Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda. Xunto a Adela Rey Torrado e Teresa Lema Varela, foron pioneiras na difusión da poesía popular oral a través da Agrupación Folklórica Aturuxo da Coruña nos anos 70. Todas elas proviñan dunha comarca rica en tradición oral, escenario de numerosas recollas históricas.
O Boletín da Real Academia Galega recolleu algúns destes traballos, como o Cancioneiro de Buño, con 84 coplas recollidas a Dolores Cancela Pérez. Nos anos 80, Dorothé Schubarth tamén recompilou numerosas pezas das Vellas de Mens, sendo Rosa e Adolfina Casás Rama as informantes con máis achegas ao seu cancioneiro. Muxía tamén foi un territorio fértil, onde a voz de Eva Castiñeira, xunto á do Cego dos Vilares, quedou gravada no disco Recolleita Vol I. A "descuberta" de Eva foi casual, traballando na casa dun dos fundadores do selo Ruada. Xunto á súa irmá Engracia, protagonizou un fito ao compartir escenario con Milladoiro en 1981.
As actividades da RAG contan co apoio de diversas institucións públicas, garantindo unha celebración á altura da riqueza da nosa tradición oral.
