sábado. 05.10.2024

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, comprobou hoxe o avance das obras de restauración da capela da Nosa Señora de Lanzada, no concello de Sanxenxo. Unha actuación que enmarcou no compromiso do Goberno galego coa recuperación dos bens máis senlleiros do noso patrimonio cultural. “Isto materialízase nas case 130 intervencións que a Xunta ten en marcha neste momento, entre elas a que hoxe visitamos”, destacou.

Román Rodríguez lembrou que a Xunta ten dedicado no último lustro 55M€ á salvagarda do patrimonio cultural galego a través plans estratéxicos como o Plan Catedrais, o Plan de actuacións arqueolóxicas, o Plan de BIC do Camiño de Santiago ou o Plan Ribeira Sacra, así como diversos plans directores para bens concretos. 

Así mesmo, recordou que a conservación dos nosos bens máis senlleiros é tarefa de todos, “unha mensaxe de responsabilidade que estamos a promover a través da campaña Por outros tantos máis, que acabamos de lanzar para fomentar a sensibilización e coñecemento da cidadanía arredor da preservación do patrimonio”.

REMATE PREVISTO PARA SETEMBRO

No referido ás obras na Capela da Lanzada, o conselleiro explicou que a previsión é que os traballos, que contan cun orzamento de case 110.000€, estean rematados a finais de setembro. Segundo sinalou, a actuación inclúe traballos de limpeza e consolidación na superficie pétrea. Ata o momento xa se procedeu á retirada das xuntas de cemento e limpeza do paramento norte e ábsida. Así mesmo, comezaron os traballos de desalación da ábsida e ó rexuntado do paramento norte; ademais da revisión dos elementos das cruces e sopenas coa finalidade de valorar o seu estado de conservación.

A intervención continuará coa eliminación de vexetación e limpeza da superficie pétrea, coa consolidación das mesmas e o selado de gretas e fendas con morteiro. Ademais, acometerase a restauración das cruces e sopenas, en función dos resultados do devandito estudo.

A maiores, executarase un estudo histórico-arqueolóxico mediante sondaxes arqueolóxicas manuais e farase un levantamento 3D da capela mediante fotogrametría, escalado e xeoreferenciado exterior, entre outros detalles.

HABITADO DESDE TIEMPOS REMOTOS

Garantir a conservación deste ben incluído no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e evitar un posible deterioro irreversible ou a perda de elementos de valor artístico e cultural difíciles de recuperar.

A ermida da Nosa Señora da Lanzada é un templo dos séculos XII ou XIII situado na parroquia de Noalla. O lugar de emprazamento da ermida, anteriormente unha illa e a día de hoxe un istmo, está habitado desde tempos remotos, sendo testemuño diso os innumerables restos achados nas inmediacións dun antigo castro do século VIII a.C.

130 actuacións de rehabilitación en marcha en Galicia
Comentarios