“O sector vitivinícola é un motor do rural galego”, reivindica Gómez na investidura dos novos confrades
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe no acto de nomeamento dos novos cofrades da Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos. O evento desenvolveuse no marco da XI Festa do Viño Espumoso da Denominación de Orixe Rías Baixas, que este ano avanza con paso decidido ao transformarse oficialmente na Festa do Espumoso Galego, grazas ao impulso da Xunta.
Na mesa presidencial estiveron tamén presentes o presidente da DO Rías Baixas, unha representante da Deputación de Pontevedra e a alcaldesa de Salvaterra de Miño, anfitriona da celebración, que deron arroupo institucional a unha das citas máis destacadas do calendario enogastronómico galego.
Impulso ao sector do espumoso galego
Durante a súa intervención, Gómez salientou que esta nova categoría supón un “salto cualitativo” na aposta por reforzar a presenza e o recoñecemento dos espumosos galegos tanto no mercado interior como no exterior. A conselleira destacou ademais a importancia da diversificación, da innovación e da posta en valor do sector vitivinícola, ao que definiu como un verdadeiro “motor do rural galego”.
Ambiente festivo e gran participación de público
A xornada decorreu nun ambiente de festa moi participativo, cunha enorme carpa ateigada de público desde primeiras horas. Os asistentes puideron degustar e adquirir espumosos de 13 adegas pertencentes a tres Denominacións de Orixe, convertendo o recinto nun punto de encontro entre produtores, profesionais e amantes do viño espumoso galego.
Vendima histórica en Galicia
A responsable de Medio Rural puxo en valor tamén os bos resultados da vendima de 2025, con preto de 76 millóns de quilos de uva colleitados nas cinco denominacións de orixe galegas, a terceira máis abundante da historia.
Na DO Rías Baixas, a produción situouse nos 47,5 millóns de quilos.
Os novos cofrades investidos
Un dos momentos máis destacados da xornada foi o nomeamento dos novos cofrades da Confraría dos Espumosos, que nesta edición serán:
-
Julio Domínguez Salgado, colaborador histórico no montaxe das Festas do Viño do Condado.
-
Luís Javier López Facorro, sommelier de Bodegas Martín Códax e Adegas Galegas.
-
Víctor Manuel Francisco Castro, propietario do restaurante O Frenazo e da vinoteca Xandoneto (As Neves).
-
Ángel Santos Pintos, comercial de Bodegas Martín Códax e Adegas Galegas.
A investidura foi realizada polo Gran Mestre da Confraría, Julio Alén, quen destacou o valor de incorporar persoas cunha traxectoria sólida e un compromiso claro coa promoción dos espumosos galegos.
Exhibición de degüello con sable brinket
Durante a cerimonia, o novo confrade Luís Javier López Facorro protagonizou un dos momentos máis espectaculares da xornada ao realizar a apertura de tres botellas de espumoso mediante o método tradicional de degüello cun sable brinket. A súa exhibición, impecable e moi aplaudida polo público, puxo en valor a técnica, o coñecemento e a elegancia asociadas ao servizo profesional dos viños espumosos.
A cerimonia contou tamén coas actuacións de Bruxo Queiman e Andrea Pousa, membros da Confraría, que ofreceron un número musical cargado de emoción. Durante o espectáculo, renderon unha homenaxe sorpresa a Perfecto González, funcionario do Concello de Salvaterra de Miño e confrade fundador, que proximamente se xubilará.
Perfecto González é unha figura esencial na organización da festa desde os seus inicios. Aínda que está previsto que continúe coordinando a edición de agosto de 2026, Queiman quixo adiantar o recoñecemento, provocando unha emotiva reacción tanto no homenaxeado como na súa familia, presente no acto.
Apoio continuado ao sector vitivinícola
Para 2026, a Xunta manterá o seu respaldo ao sector cun investimento de arredor de 12 millóns de euros destinado á reestruturación e reconversión do viñedo, á promoción exterior do viño galego, á elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas e a iniciativas ligadas á paisaxe vitícola, como a da Ribeira Sacra.
Así mesmo, reforzarase a promoción dos produtos con distintivo de calidade a través do Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia, dotado con 10 millóns de euros.
Maridaxe de excelencia
A festa puxo tamén en valor a harmonía entre os espumosos galegos e outros produtos de calidade diferenciada. A Consellería do Medio Rural instalou un posto cos queixos premiados na Cata de Galicia 2025, que maridan á perfección cos viños espumosos presentes no evento.