martes. 04.11.2025

O Concello do Porriño, a través da Concellaría de Turismo, organiza este sábado 14 de xuño dúas visitas guiadas pola Ruta Antonio Palacios. O obxectivo é poñer en valor o extenso legado e o rico patrimonio que o ilustre arquitecto deixou na súa vila natal.

As visitas, que terán lugar ás 16:00 h e ás 17:15 h, contarán coa guía dunha profesional oficial e están abertas ao público en xeral. Requírese reserva previa e cada grupo terá un máximo de 25 persoas. O punto de partida será nas escaleiras da Fonte do Cristo, a primeira obra de Antonio Palacios no Porriño e un símbolo emblemático da súa pegada arquitectónica na vila.

Esta iniciativa enmárcase na programación especial organizada con motivo da entrega dos Premios Antonio Palacios, unha acción do Concello que busca salientar a figura dun dos grandes referentes da arquitectura galega e española.

Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño, destaca que "coñecer a obra de Palacios é comprender parte da nosa identidade. Esta ruta permite achegar o seu legado tanto á veciñanza como ás persoas visitantes, fomentando o orgullo polo noso patrimonio".

Pola súa banda, Vanessa Ucha, concelleira de Turismo, subliña que "estas visitas constitúen unha oportunidade única para redescubrir O Porriño a través dos ollos dun dos seus fillos máis ilustres e para sentir o orgullo polo patrimonio arquitectónico que temos".

Desde o Concello do Porriño anímase a toda a cidadanía a participar nesta actividade cultural e divulgativa, que convida a reflexionar sobre o presente coa mirada posta no pasado e a recoñecer a importancia da figura de Antonio Palacios na historia da vila.

O Porriño redescobre a Antonio Palacios con visitas guiadas polo seu legado arquitectónico
Comentarios