O Pleno do Concello do Porriño aprobou un Convenio Marco de Colaboración co prestixioso Círculo de Bellas Artes de Madrid (CBA) co obxectivo de establecer unha alianza institucional centrada na figura e obra do arquitecto Antonio Palacios Ramilo.
Este acordo, que se enmarca dentro do proxecto Atlas Palacios 2024–2026 impulsado polo investigador José Manuel Mouriño, permitirá a realización de diversas actividades culturais, artísticas e de divulgación tanto en Galicia como en Madrid. A colaboración chega nun momento significativo, coincidindo co 150 aniversario do nacemento de Palacios e o centenario do edificio do CBA, unha emblemática construción deseñada polo propio arquitecto porriñés.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou a relevancia deste convenio como “un paso máis na firme aposta do noso concello por reivindicar e difundir o legado de Antonio Palacios, unha figura esencial da arquitectura galega e española”. Engadiu que “o diálogo cultural entre Galicia e Madrid ten en Palacios unha ponte natural, e este acordo permítenos reforzar esa ligazón a través da cultura, a arte e a memoria”.
Grazas a esta colaboración, o Concello do Porriño disporá periodicamente de exhibicións audiovisuais, materiais didácticos, entrevistas e documentación gráfica e patrimonial sobre a obra de Antonio Palacios, que se presentarán nunha sala de exposicións que o Concello dedicará ao arquitecto. Estas accións realizaranse en coordinación co proxecto Atlas Palacios 2024–2026, buscando achegar o legado do creador porriñés á cidadanía desde unha perspectiva contemporánea e interdisciplinaria.
Pola súa banda, o Círculo de Bellas Artes divulgará material, referencias documentais, imaxes e información sobre a obra de Antonio Palacios no Porriño a través da súa páxina web e outras iniciativas culturais e expositivas. Desta maneira, recoñecerase o valor do patrimonio local e reforzarase o papel do municipio como un nodo activo no diálogo cultural entre Galicia e Madrid.
A sinatura oficial do convenio terá lugar nas vindeiras semanas nun acto institucional que simbolizará o inicio desta colaboración estratéxica entre O Porriño e unha das entidades culturais máis recoñecidas do Estado.
Durante o pleno municipal tamén se aprobou a segunda edición dos Premios Antonio Palacios, uns galardóns impulsados polo Concello para recoñecer contribucións destacadas nos eidos da cultura, a empresa, o deporte e o compromiso social, así como o cambio de nome de rúas do Porriño para identificar á muller e impulsar o feminismo no Concello.
