Ponteareas presenta unha completa programación de Nadal con tradición, cultura e novidades para todas as idades
O Concello de Ponteareas vén de dar a coñecer a súa ampla e diversa programación de Nadal, unha proposta pensada para todos os públicos que combina tradición, música, cultura, actividades infantís, obradoiros e eventos innovadores co obxectivo de dinamizar as rúas e fomentar a participación cidadá.
A alcaldesa, Nava Castro, subliñou que este ano a vila aposta por “un Nadal vivo e ilusionante, con actividades pensadas para a participación de toda a cidadanía. Queremos que as nosas rúas se enchan de vida e que veciños, veciñas e visitantes desfruten dunha programación feita con moita dedicación”.
Pola súa banda, o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González Carrera, destacou a combinación entre tradición e renovación: “A programación deste Nadal combina propostas culturais, familiares e de lecer que reflicten a identidade de Ponteareas. Animamos a toda a veciñanza a participar e facer destas festas un punto de encontro para todos, especialmente para os nenos e nenas”.
Un Nadal con forte compoñente familiar e infantil
A programación inclúe unha ampla oferta de actividades pensadas para o público infantil: obradoiros de adornos, maquillaxe e chapas; contacontos; maxia; espectáculos de rúa; e propostas tan vistosas como o musical xuvenil, o espectáculo de pompas de xabrón dos Fabulosos Cleaners ou o tradicional encontro de panxoliñas.
O Concello lembra que estes momentos son tamén unha oportunidade para que as familias poidan realizar as súas compras mentres os cativos aprenden e se divirten nun ambiente seguro e festivo.
Acendido oficial das luces
O Nadal arrancará oficialmente o venres 5 de decembro ás 19:00 horas na Praza de Bugallal co tradicional acendido das luces, que este ano inclúe renovación en varios puntos da vila. O acto contará con música, animación e chocolatada.
Principais actividades culturais e tradicionais
Durante as próximas semanas Ponteareas ofrecerá un amplo abano de eventos, entre os que destacan:
-
Entrega dos Premios Menina Sarmiento, que recoñecen os valores culturais e sociais das e dos ponteareáns.
-
Encontro de Panxoliñas, que este ano se celebrará en dous días e trasladarase á igrexa parroquial de San Miguel.
-
Encontro de Corais (20 de decembro).
-
Papanoelada moteira (21 de decembro), que levará cor, música e solidariedade ás rúas e parroquias.
-
Presentación do libro e concerto “Proxecto Soutullo: os gaiteiros de Ponteareas anteriores a 1950”, unha das grandes citas culturais desta edición.
-
Videomapping de Nadal, do 22 de decembro ao 5 de xaneiro na fachada do Concello, unha das propostas máis exitosas do ano pasado.
-
Rancho de Reis (28 de decembro), unha das tradicións máis arraigadas da vila.
-
Recepción e Cabalgata de Reis (5 de xaneiro), coa visita previa dos Magos ás parroquias os días 3 e 4.
Compromiso coa identidade local
O Concello reafirma tamén a súa aposta polo patrimonio e as tradicións ponteareás coa presentación do Calendario Municipal 2025, ilustrado con imaxes e contidos relacionados coa identidade local.
PROGRAMA COMPLETO
Venres 5
-
19:00 h – Acendido de luces con animación e chocolatada. Praza de Bugallal.
Sábado 6 – Luns 15
Exposición da Camelia con inauguración, actuacións de pandereteiras, obradoiro e charla-cata do té da camelia. Actuacións da Rondalla e programación infantil.
Venres 12
-
Obradoiro infantil de adornos.
-
Concerto do Coro Gospel Singing with Soul.
Sábado 13
-
Obradoiro infantil de adornos.
-
Premios Menina Sarmiento (19:00 h).
Domingo 14
-
Musical infantil “Las Diosas del K-Pop” (12:00 e 17:00 h).
-
Encontro de panxoliñas (17:00 h).
-
Charla de apicultura.
-
Actuación da Rondalla de Pontellas.
Do 15 ao 19 de decembro
Actuacións do Conservatorio, contacontos, obradoiros, festival de Nadal e concerto de Nadal da Escola Vila do Corpus.
Sábado 20
-
Obradoiro infantil de adornos.
-
Encontro de panxoliñas (17:00 h).
-
Gala de Nadal de patinaxe.
-
Concerto sinfónico da Banda de Guláns.
Domingo 21
-
Festival solidario de danza.
-
Presentación do Club Baloncesto Condado.
-
Papanoelada moteira (16:00 h).
-
Recepción de Papá Noel (18:00 h) con chocolatada e Wilson’s Band.
-
Concerto e presentación do libro Proxecto Luis Soutullo.
22 e 23 de decembro
-
Contacontos infantil.
-
Maxia e espectáculos familiares.
Sábado 27 e Domingo 28
-
Torneo de Fútbol Sala San Andrés de Xinzo.
Sábado 27
-
Festa Pre-Fin de Ano Infantil (17:00 h).
-
Concerto e presentación do libro Proxecto Soutullo.
-
Festa Pre-Fin de Ano 2025 coa Orquestra Kubo (22:00 h).
Domingo 28
-
Pasarrúas e Encontro de Ranchos de Reis (17:30 e 18:00 h).
Martes 30
-
Obradoiro de maquillaxe (17:00 h).
-
Presentación do Calendario de Ponteareas 2026 (18:30 h).
Xaneiro
Venres 2
-
Espectáculo infantil Fabulosos Cleaners.
Sábado 3 e Domingo 4
-
Visita dos Reis Magos ás parroquias.
-
Torneo solidario de bádminton (día 3).
-
Actuación da Rondalla A Mercé de Chaín (día 4).
Luns 5
-
Recepción dos Reis Magos (12:00 h).
-
Cabalgata de Reis (18:00 h), acompañada pola Rondalla de Valladares.
-
Recepción final tras o desfile.
Actividades permanentes
-
Mercado de Nadal na Praza de Abastos (12–24 decembro).
-
Tren de Nadal pola vila e parroquias (22–27 decembro).
-
Videomapping de Nadal na fachada do Concello (22 decembro – 5 xaneiro).