miércoles. 03.12.2025

O Concello de Ponteareas vén de dar a coñecer a súa ampla e diversa programación de Nadal, unha proposta pensada para todos os públicos que combina tradición, música, cultura, actividades infantís, obradoiros e eventos innovadores co obxectivo de dinamizar as rúas e fomentar a participación cidadá.

A alcaldesa, Nava Castro, subliñou que este ano a vila aposta por “un Nadal vivo e ilusionante, con actividades pensadas para a participación de toda a cidadanía. Queremos que as nosas rúas se enchan de vida e que veciños, veciñas e visitantes desfruten dunha programación feita con moita dedicación”.

Pola súa banda, o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González Carrera, destacou a combinación entre tradición e renovación: “A programación deste Nadal combina propostas culturais, familiares e de lecer que reflicten a identidade de Ponteareas. Animamos a toda a veciñanza a participar e facer destas festas un punto de encontro para todos, especialmente para os nenos e nenas”.

Un Nadal con forte compoñente familiar e infantil

A programación inclúe unha ampla oferta de actividades pensadas para o público infantil: obradoiros de adornos, maquillaxe e chapas; contacontos; maxia; espectáculos de rúa; e propostas tan vistosas como o musical xuvenil, o espectáculo de pompas de xabrón dos Fabulosos Cleaners ou o tradicional encontro de panxoliñas.

O Concello lembra que estes momentos son tamén unha oportunidade para que as familias poidan realizar as súas compras mentres os cativos aprenden e se divirten nun ambiente seguro e festivo.

Acendido oficial das luces

O Nadal arrancará oficialmente o venres 5 de decembro ás 19:00 horas na Praza de Bugallal co tradicional acendido das luces, que este ano inclúe renovación en varios puntos da vila. O acto contará con música, animación e chocolatada.

Principais actividades culturais e tradicionais

Durante as próximas semanas Ponteareas ofrecerá un amplo abano de eventos, entre os que destacan:

  • Entrega dos Premios Menina Sarmiento, que recoñecen os valores culturais e sociais das e dos ponteareáns.

  • Encontro de Panxoliñas, que este ano se celebrará en dous días e trasladarase á igrexa parroquial de San Miguel.

  • Encontro de Corais (20 de decembro).

  • Papanoelada moteira (21 de decembro), que levará cor, música e solidariedade ás rúas e parroquias.

  • Presentación do libro e concerto “Proxecto Soutullo: os gaiteiros de Ponteareas anteriores a 1950”, unha das grandes citas culturais desta edición.

  • Videomapping de Nadal, do 22 de decembro ao 5 de xaneiro na fachada do Concello, unha das propostas máis exitosas do ano pasado.

  • Rancho de Reis (28 de decembro), unha das tradicións máis arraigadas da vila.

  • Recepción e Cabalgata de Reis (5 de xaneiro), coa visita previa dos Magos ás parroquias os días 3 e 4.

Compromiso coa identidade local

O Concello reafirma tamén a súa aposta polo patrimonio e as tradicións ponteareás coa presentación do Calendario Municipal 2025, ilustrado con imaxes e contidos relacionados coa identidade local.

PROGRAMA COMPLETO

Venres 5

  • 19:00 h – Acendido de luces con animación e chocolatada. Praza de Bugallal.

Sábado 6 – Luns 15

Exposición da Camelia con inauguración, actuacións de pandereteiras, obradoiro e charla-cata do té da camelia. Actuacións da Rondalla e programación infantil.

Venres 12

  • Obradoiro infantil de adornos.

  • Concerto do Coro Gospel Singing with Soul.

Sábado 13

  • Obradoiro infantil de adornos.

  • Premios Menina Sarmiento (19:00 h).

Domingo 14

  • Musical infantil “Las Diosas del K-Pop” (12:00 e 17:00 h).

  • Encontro de panxoliñas (17:00 h).

  • Charla de apicultura.

  • Actuación da Rondalla de Pontellas.

Do 15 ao 19 de decembro

Actuacións do Conservatorio, contacontos, obradoiros, festival de Nadal e concerto de Nadal da Escola Vila do Corpus.

Sábado 20

  • Obradoiro infantil de adornos.

  • Encontro de panxoliñas (17:00 h).

  • Gala de Nadal de patinaxe.

  • Concerto sinfónico da Banda de Guláns.

Domingo 21

  • Festival solidario de danza.

  • Presentación do Club Baloncesto Condado.

  • Papanoelada moteira (16:00 h).

  • Recepción de Papá Noel (18:00 h) con chocolatada e Wilson’s Band.

  • Concerto e presentación do libro Proxecto Luis Soutullo.

22 e 23 de decembro

  • Contacontos infantil.

  • Maxia e espectáculos familiares.

Sábado 27 e Domingo 28

  • Torneo de Fútbol Sala San Andrés de Xinzo.

Sábado 27

  • Festa Pre-Fin de Ano Infantil (17:00 h).

  • Concerto e presentación do libro Proxecto Soutullo.

  • Festa Pre-Fin de Ano 2025 coa Orquestra Kubo (22:00 h).

Domingo 28

  • Pasarrúas e Encontro de Ranchos de Reis (17:30 e 18:00 h).

Martes 30

  • Obradoiro de maquillaxe (17:00 h).

  • Presentación do Calendario de Ponteareas 2026 (18:30 h).


Xaneiro

Venres 2

  • Espectáculo infantil Fabulosos Cleaners.

Sábado 3 e Domingo 4

  • Visita dos Reis Magos ás parroquias.

  • Torneo solidario de bádminton (día 3).

  • Actuación da Rondalla A Mercé de Chaín (día 4).

Luns 5

  • Recepción dos Reis Magos (12:00 h).

  • Cabalgata de Reis (18:00 h), acompañada pola Rondalla de Valladares.

  • Recepción final tras o desfile.


Actividades permanentes

  • Mercado de Nadal na Praza de Abastos (12–24 decembro).

  • Tren de Nadal pola vila e parroquias (22–27 decembro).

  • Videomapping de Nadal na fachada do Concello (22 decembro – 5 xaneiro).

Ponteareas presenta unha completa programación de Nadal con tradición, cultura e...
Comentarios