Ponteareas celebra unha xornada aberta de reanimación cardiopulmonar con motivo do Día Internacional da Parada Cardíaca

Alumnado dos colexios de Ponteareas practica manobras básicas de reanimación cardiopulmonar sobre maniquíes durante a xornada “As túas mans salvan vidas”.

Ponteareas acolle o 27 de outubro unha xornada aberta de reanimación cardiopulmonar organizada polo Concello e TesGalicia para ensinar primeiros auxilios e salvar vidas.

O Concello de Ponteareas, a través das concellerías de Saúde, Ensino e Seguridade, organiza o próximo luns 27 de outubro, en colaboración coa Asociación Profesional de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia (TesGalicia), unha xornada práctica de reanimación cardiopulmonar (RCP) básica baixo o lema “As túas mans salvan vidas”.

A actividade, que se desenvolverá entre as 10.00 e as 19.00 horas na Praza Maior de Ponteareas, estará aberta á cidadanía e ao alumnado dos centros educativos do municipio. Ao longo do día, Cruz Vermella, Bombeiros e Policía Local realizarán demostracións e despregamentos dos seus medios de emerxencia, permitindo ao público coñecer de preto o seu funcionamento.

Máis de trescentas nenas e nenos dos colexios CEIP Fermín Bouza Brey, Mestre Ramiro Sabell, Santiago de Oliveira, Feliciano Barrera de Guláns, As Veigas, Santiago Apóstol e La Inmaculada participarán nesta experiencia formativa, aprendendo nocións básicas de primeiros auxilios, como a conduta PAS (Protexer, Avisar, Socorrer), o uso do desfibrilador, a posición lateral de seguridade ou a atención ante atragoamentos.

Segundo explicou Borja Álvarez, representante de TesGalicia, “a testemuña dunha parada cardíaca é vital, xa que pode alertar aos servizos de emerxencias e iniciar unha RCP nos tres primeiros minutos, cruciais para salvar unha vida”.

Pola súa banda, a concelleira de Saúde, Raquel Plana, destacou que se trata “dunha oportunidade marabillosa para aprender manobras básicas que poden axudar a salvar vidas” e animou á veciñanza a participar activamente.

A xornada conta tamén coa colaboración do Policlínico San Miguel e da UNED, entidades ás que o Concello e TesGalicia agradeceron o seu apoio nesta acción formativa e solidaria, orientada a achegar a cadea de supervivencia á poboación e fomentar unha sociedade máis preparada e segura.