jueves. 05.02.2026

O Concello de Ponteareas puxo en marcha a campaña especial de San Valentín “Namórate de Ponteareas e do seu comercio local”, unha iniciativa coa que se pretende dar visibilidade ao pequeno comercio, salientando a súa atención personalizada, proximidade e calidade no servizo.

A acción forma parte do programa municipal de dinamización económica, co que ao longo de todo o ano se impulsan diferentes campañas para apoiar un sector que ofrece unha ampla variedade de produtos a prezos competitivos, cun valor engadido: o trato directo e a confianza coa clientela.

O vindeiro 14 de febreiro, a Praza Bugallal converterase no epicentro da celebración a partir das 11:00 horas, cun espazo temático do Día de San Valentín que incluirá photocall e unha ruleta de premios. A través desta actividade, a veciñanza poderá optar a máis de 60 vales de compra para consumir no comercio local, ademais de diferentes agasallos. O Concello tamén repartirá máis de 500 rosas, adquiridas en establecementos locais, reforzando así o impacto directo da campaña na economía de proximidade.

Con motivo do inicio da iniciativa, o concelleiro de Comercio, Ricardo González, e a alcaldesa, Nava Castro, realizaron unha visita a distintos negocios da vila, agradecendo a colaboración do tecido comercial e o traballo conxunto co Concello para sacar adiante accións de promoción e fidelización.

Desde o Concello lembran que este apoio ao comercio local mantense ao longo de todo o ano mediante actuacións centradas na mellora de escaparates, a participación en actividades culturais e gastronómicas e a posta en marcha de accións formativas adaptadas aos horarios e necesidades do propio sector.

Onde latexa a vila: San Valentín prende no comercio de Ponteareas
Comentarios