viernes. 27.01.2023
Na sede de Afundación en Vigo, ás 19.30 horas, este martes 27

O Bispo de Tui-Vigo presenta unha nova edición en galego das homilías de 'É Cristo que pasa' e 'Amigos de Deus' de san Josemaría

A editorial Agoeiro vén de publicar en galego os libros de homilías de san Josemaría Escrivá É Cristo que pasa e Amigos de Deus. O primeiro volume saíra en 1973, dous anos antes da morte do fundador do Opus Dei; o segundo é póstumo e chegou ás librarías en 1977. Cada un destes libros contén 18 homilías que foron traducidas ao galego por Araceli Filgueira Iglesias. A presentación na sede de Afundación en Vigo, ás 19.30 horas, este martes 27 de setembro. 
ECristoquepasa
ECristoquepasa

Os textos de É Cristo que pasa abranguen todo o ano litúrxico católico, desde o Advento ata a festa de Cristo Rei. En canto ao contido, o beato Álvaro del Portillo escribiu no prólogo da primeira edición: “A cerna é o sentido da filiación divina, constante na predicación do fundador do Opus Dei. O autor faise eco continuamente da ensinanza de san Paulo: "Os que son gobernados polo Espírito de Deus son fillos de Deus". Esta edición en galego leva un texto do bispo de Vigo, Luis Quinteiro, que sinala como desde a diocese de Tui-Vigo comezou a expansión internacional da institución fundada por Escrivá. Tamén di: “Sen dúbida, estas homilías axudarán a quen as lea a ser máis rezador seguindo as suxestións do Papa”.

O arcebispo de Santiago, Julián Barrio, lembra no limiar de Amigos de Deus que san Josemaría peregrinou por primeira vez a Compostela en xullo de 1938. Aquel era Ano Santo porque o de 1937 se alongara por mor da guerra. Tamén evoca como, no prólogo da primeira edición, o beato Álvaro del Portillo dicía: “Estas dezaoito homilías trazan un panorama de virtudes básicas humanas e cristiás para quen queira seguir de preto os pasos do Mestre”.

Agoeiro é unha editorial que naceu durante a pandemia baixo a dirección do xornalista vigués Jorge Alonso. O nome está tomado dun illote do sur das illas Cíes, moi apreciado polos pescadores. Na súa curta existencia o selo publicou 40 obras e está a rescatar fondos do editor Severino Cardeñoso, que é asesor da editorial.

Os libros de homilías están á venda na libraría Avir da Coruña e despois do verán están previstas varias presentacións en distintas cidades galegas.

AmigosdeDeus

LIMIAR 

AMIGOS DE DEUS

A primeira edición de Amigos de Dios viu a luz en decembro de 1977, dous anos despois do falecemento do seu autor. Na primeira edición o beato Álvaro del Portillo dicía no prólogo: «Estas dezaoito homilías trazan un panorama de virtudes humanas e cristiás básicas, para o que queira seguir de preto os pasos do Mestre. Non son nin un tratado teórico nin un prontuario de boas maneiras do espírito. Conteñen doutrina viva, onde a fondura do teólogo vai unida á transparencia evanxélica do bo pastor de almas».

San Josemaría visitou Santiago de Compostela en diversas ocasións, principalmente na década dos anos corenta, para pór os alicerces do labor apostólico do Opus Dei en Galicia. A súa primeira peregrinación xacobea tivo lugar en xullo de 1938, pois o Ano Santo de 1937 prolongárase polas difíciles circunstancias que atravesaba España. Antes de chegar a Santiago o 17 de xullo, san Josemaría deixara escrito: «Pedide por min: que este Xubileo me limpe e me acenda a alma» e ao final da peregrinación anotou: «na cripta, xunto ás reliquias do Apóstolo, vívense pausadamente as oracións da Santa Misa». Veu rezar ante os restos do apóstolo Santiago, “amigo do Señor”, como canta o seu himno.

Fanse sesenta anos desde a última vez que o autor do libro estivo en Santiago. «Fillos de Deus, Amigos de Deus, esa é a verdade que san Josemaría quixo gravar a fogo nos que o trataban», escribía o beato Álvaro del Portillo no dito prólogo, que concluía coas palabras dunha das homilías “Cara á santidade”: «Amade a Igrexa, servídea coa ledicia consciente de quen se soubo decidir a este servizo por Amor. E se vísemos que algúns andan sen esperanza, coma os de Emaús, acheguémonos con fe —non en nome propio, senón en nome de Cristo—, para asegurarlles que a promesa de Xesús non pode fallar, que El vela pola súa Esposa, que non a abandona».

Que estas dezaoito homilías impulsen a que «A peregrinación á tumba do Apóstolo se convertan nunha chamada á misión , a convocar a todos a esa patria cara a que avanzamos».(Palabras do Papa Francisco da carta emitida con motivo do Ano Santo).

Oxalá que estes anos santos 2021 e 2022 dean os seus froitos xa que «aopoñernos no camiño tras as pegadas do Apóstolo saímos do noso propio eu, desas seguridades ás que nos aferramos, pero tendo clara a meta, non somos errantes que xiran sempre sobre si mesmos sen chegaren a ningures»(Palabras do Papa Francisco da carta emitida con motivo do Ano Santo).

† Julián Barrio Barrio

Arcebispo de Santiago de Compostela

ECristoquepasa

LIMIAR

É CRISTO QUE PASA

A primeira edición de Es Cristo que pasa publicouse en marzo de 1973. Corenta e oito anos despois, atopamos traducido para o galego este libro de homilías de san Josemaría, que foi difundido en máis de vinte e un idiomas e superou o medio millón de exemplares.

O beato Álvaro del Portillo destacou no limiar daquela primeira edición tres características: a profundidade teolóxica destas meditacións, a conexión inmediata entre a doutrina do Evanxeo e a existencia cristiá ordinaria e unha terceira, o estilo literario do autor, directo e sinxelo, ao que a autora da tradución, Araceli Filgueira, foi fiel.

Constantino Anchel, doutor en Ciencias da Educación e Teoloxía, dicía nunha entrevista en Faro de Vigo o 26 de xuño de 2004: «O Opus Dei comeza a espallarse fóra de España dende Galicia». E lembraba: «Josemaría Escrivá chegou a Tui o 2 de febreiro de 1945 e, despois de visitar a Sor Lucía nun convento, tres días máis tarde viaxou con frei José López Ortiz [daquela bispo de Tui-Vigo] a Portugal, grazas precisamente aos esforzos da vidente de Fátima. En terras portuguesas reuniuse con varios bispos, aos que lles explicou a Obra que fundara; ademais, en Fátima visitaron a nai de Jacinta e Francisco. Pódese dicir que é a primeira visita de San Josemaría ao estranxeiro e, polo tanto, que o Opus Dei comeza a espallarse fóra de España dende Galicia». En febreiro do ano seguinte iniciouse en Portugal o traballo apostólico do Opus Dei, do que neste ano xacobeo celebraron o seu 75 aniversario. Polo tanto, queda patente a importancia da diocese de Tui-Vigo no inicio da expansión internacional do Opus Dei.

As 18 homilías deste libro abranguen todo o ano litúrxico, dende o Advento ata a festa de Cristo Rei. Tamén indicaba o beato Álvaro del Portillo no limiar da primeira edición: «A cerna é o sentido da filiación divina, constante na predicación do fundador do Opus Dei. O autor faise eco continuamente da ensinanza de san Paulo: Os que son gobernados polo Espírito de Deus son fillos de Deus».

Na homilía “Cristo presente nos cristiáns” Escrivá de Balaguer di: «Hai que tratar a Cristo, na Palabra e no Pan, na Eucaristía e na oración. E tratalo como se trata un amigo, un ser real e vivo como Cristo, porque resucitou». É a ese Cristo ao que milleiros de persoas cantan cada ano polas rúas de Vigo: «E contempla o teu Cristo na Cruz; e verás como envolve este pobo / En torrentes de amor e luz / Ceos e terra cantan a gloria / do Santísimo Cristo da Vitoria».

Tanto fala o papa Francisco da oración que lle preguntaron por que e el respondeu: «A oración é como o osíxeno da vida. A oración é atraer sobre nós a presenza do Espírito Santo que sempre nos guía cara adiante. Por iso falo moito da oración». Sen dúbida, estas homilías axudarán a quen as lea a ser máis rezador seguindo as suxestións do Papa.

† Luis Quinteiro Fiuza

Bispo de Tui-Vigo

E Cristo que pasa

 

O Bispo de Tui-Vigo presenta unha nova edición en galego das homilías de 'É Cristo que...
Comentarios