martes. 23.04.2024

O slogan gañador deste ano foi “EDUCACIÓN+IGUALDADE= -VIOLENCIA” de Diego Estévez Rivera, que foi premiado cun vale de 150€ e co cal se levará a cabo toda a campaña de concienciación que realizará o Concello no próximo ano.

O Concello de Salvaterra de Miño, dentro do programa de educación en igualdade e de prevención da violencia, entregou os premios do Concurso de Slogans Contra a Violencia de Xénero, que organiza en colaboración co IES, e no que participan máis de 200 nenos e nenas. Programa que ten como obxecto sensibilizar sobre a violencia de xénero, facéndonos reflexionar sobre esta gran lacra social, que entre todos debemos erradicar promovendo un cambio de mentalidade que contribúa a desmitificar estereotipos e transmitindo valores de igualdade e non violencia.

Ademais entregáronse tres segundos premios valorados en 50€ aos seguintes slogans: “Non cales! É mellor que o fales” de Fabián Andrés Souto; “Non queremos máis minutos de silencio, actúa!” de Basilio Puga García e “Nin unha muller menos, nin unha agresión máis” de Carmen Tejo Rodríguez.

Paralelamente o Concello cos alumnos de carpintaría en colaboración cos de plástica renderon unha homenaxe ás 59 vítimas falecidas galegas, das que existe rexistro dende o ano 2003. Para iso pintaron un dos bancos da Praza do Concello de negro e nel escribiron os nomes de todas e cada unha delas, co fin de que permanezan na memoria colectiva, de darlles voz, de visibilizar un problema que nos afecta a todos e todas.

Valcárcel cos alumnos gañadores.

"Estes actos non poden quedar no esquecemento, actúa, mostra a túa repulsa!!", sinalan nun comunicado desde o Concello.

“EDUCACIÓN+IGUALDADE= -VIOLENCIA” de Diego Estévez, slogan premiado e para a campaña...