Covelo celebra con fervor a multitudinaria romaría da Virxe da Santa Cruz

Procesión coa imaxe da Virxe da Santa Cruz e outras parroquias participantes polas inmediacións do santuario, nun acto multitudinario de devoción en Covelo. PILI GONZÁLEZ.
A parroquia de Santa Mariña volveu reunir a centos de fieis nunha das tradicións máis antigas e populares da comarca.

A parroquia de Santa Mariña de Covelo viviu este 3 de maio unha das súas xornadas máis sinaladas coa celebración da tradicional romaría da Nosa Señora da Santa Cruz, unha cita de fonda raíz histórica que cada ano congrega a numerosos devotos.

Procesión da Virxe da Santa Cruz en Baldomar, coa participación de veciños e devotos durante a romaría de Santa Mariña de Covelo. PILI GONZÁLEZ.

O Santuario da Nosa Señora ao Pé da Cruz, situado en Baldomar, foi o epicentro desta festa relixiosa, marcada pola devoción á Virxe da Santa Cruz, considerada protectora fronte aos males da cabeza e tamén dos campos, animais e colleitas.

A romaría destacou pola participación de diferentes parroquias da contorna, que achegaron as súas imaxes relixiosas nun acto de grande simbolismo. Así, estiveron presentes as Virxes de Mondariz, Vilasobroso, Meirol, Mouriscados, Paraños e a propia Santa Mariña, reforzando o carácter comarcal da celebración.

Altar do Santuario da Nosa Señora ao Pé da Cruz, en Baldomar, presidido pola imaxe da Virxe da Santa Cruz durante a celebración da romaría. PILI GONZÁLEZ. 

Ademais do seu significado relixioso, a xornada converteuse nun punto de encontro para veciños e visitantes, mantendo viva unha tradición transmitida de xeración en xeración.

Os actos festivos continuarán o vindeiro domingo 10 de maio coa celebración da tradicional festa dos Poxos no mesmo santuario, outra cita destacada no calendario local.

DOCUMENTACIÓN: ALEJANDRO OUTERELO.