martes. 04.11.2025

A cidade de Vigo recupera unha das súas festas máis saborosas. A primeira Festa do Marisco de Vigo dende a pandemia celebrarase no barrio do Berbés, desde este xoves 4 ata o domingo 7 de setembro. Organizada pola Asociación de Comercializadores do Peixe e Marisco de Vigo (Acopevi), o evento conta co apoio da Deputación de Pontevedra, que estivo presente na presentación a través da súa vicepresidenta, Luisa Sánchez.

A cita gastronómica ofrecerá aos visitantes unha gran variedade de elaboracións a prezos populares, co obxectivo de poñer en valor o produto local e facer que o seu consumo sexa atractivo para o público. “O noso produto necesita pouco máis porque brilla por si só”, sinalou a vicepresidenta, destacando a calidade dos pratos que se poderán degustar.

Ademais da oferta gastronómica, a festa chega cunha proposta renovada e máis moderna. A organización incluíu na programación concertos en vivo e obradoiros infantís, co fin de converter o evento nunha celebración máis completa e para todos os públicos. A Deputación de Pontevedra, segundo manifestou Luisa Sánchez, enmarca o seu apoio a esta iniciativa no seu obxectivo de ser un “enlace entre o tecido asociativo e a cidadanía”, así como no seu “afán de diálogo constante cos sectores produtivos da provincia”.

O Berbés acolle a primeira Festa do Marisco de Vigo dende a pandemia
Comentarios