lunes. 09.12.2024

Vigo área metropolitana

Marta Valcárcel, alcaldesa de Salvaterra: "Queremos defender e desestacionalizar o noso viño espumoso da DO Rías Baixas"

Salvaterra xa está preparada para recibir o Nadal. Comeza todo coa Festa dos Viños Espumosos DO Rías Baixas. Diario Luso-Galaico entrevistou a alcaldesa salvaterrense, Marta Valcárcel, para coñecer as novidades do municipio.

Valcárcel defende os espumosos das adegas da subzona do Condado e explica que a Festa do Viño Espumoso, que se celebra o 3 e 4 de decembro,  co acendido do alumeado artístico de Nadal, é tamén unha oportunidade para mostrar que o seu consumo pode desestacionalizarse destas datas.

Ademais das actividades propias do Nadal pensadas para os máis cativos e as familias, a praza do Concello e a rúa Miño van ser decoradas con figuras de madeira relativas a este tempo por alumnos de carpintería do Instituto

Salvaterra vai mellorar o seu 'buque insignia', o recinto amurallado, no que se vai acometer a humanización das rúas internas, anuncia a alcaldesa. Só falta asinar o convenio coa Xunta de Galicia, que será nas próximas semanas.

Valcárcel tamén fala das melloras, como as  beirarrúas que unirán Oleiros con Leirado pasando por Corzáns e Fiolledo, cun investimento de máis de 2,7 millóns de euros. O tramo recén aberto da rúa Galicia está facilitando a vertebración da vila.  Agora a humanización de Marqués de Viana, próxima ao recinto amurallado,  vai revitalizar a Praza de Abastos que ademais contará coa licitación de novos postos de venda.

A rúa do Miño tamén ten un proxecto presentado á Xunta de Galicia para mellorar a viabilidade, ampliando os carrís. A alcaldesa revela que se está demandando unha nova ponte que una Salvaterra con Monção.

Respecto ao complexo termal de Teans, Oleiros, Salvaterra conseguiu recentemente unha subvención para dotar as instalacións dun novo equipamento.

Tamén para Eurocidade Monção-Salvaterra se vai presentar un novo proxecto para acceder a fondos, co fin de destinalos a actividades culturais, á poboación maior e para potenciar o termalismo en ambos os municipios.

 A educación é un eixo prioritario nas accións de goberno. "Hai que valorar o labor os profesores que involucran os rapaces...", máis aló do cumprimento do seu labor de ensinanza e educativa. Varios investimentos, nos últimos tempos, ratifican esta liña de traballo do goberno municipal.

Finalmente, Marta Valcárcel felicita o Nadal.

Comentarios
Marta Valcárcel, alcaldesa de Salvaterra: "Queremos defender e desestacionalizar o noso...