Rueda destaca o crecente atractivo internacional de Galicia como destino turístico de calidade

Rueda con un grupo de ciclistas.
Galicia consolida o seu atractivo turístico internacional cun aumento de visitantes estranxeiros e pernoctacións.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor o firme compromiso do Goberno galego coa promoción internacional de Galicia como destino turístico de calidade. Rueda, durante unha etapa do Camiño de Santiago, subliñou que "Galicia é cada vez máis coñecida fóra", destacando que, no que vai de ano, o 28% dos visitantes procedían de fóra do noso país.

O xefe do Executivo autonómico incidiu na importancia de "apostar polo turismo", un sector que cualificou como "unha parte moi importante da nosa economía", e apelou ao modelo sostible e ordenado que defende a Xunta como clave de futuro.

Rueda animou tanto a galegos como a españois e visitantes estranxeiros a descubrir Galicia neste mes de xuño, para que gocen "da nosa forma de vivir doutra maneira, con calidade, con tranquilidade, con estas paisaxes e con hospitalidade". "Este mes é perfecto para visitarnos porque non hai tanta xente como no verán", matizou.

Segundo os últimos datos, case 1,4 millóns de persoas aloxáronse en Galicia no que vai de ano, un 3,7% máis que en 2024. Tamén medra o número de noites, rexistrando un incremento do 2,5% ata as 2,3 millóns de pernoctacións. Finalmente, cómpre salientar que o nivel de demanda internacional é o máis alto da historia, con 653.000 noites de visitantes procedentes de fóra das nosas fronteiras.