O Porriño amosa o seu potencial turístico a unha delegación internacional de ASICOTUR

Representantes de 17 países integrados en ASICOTUR durante a súa visita institucional ao Concello do Porriño e a posterior ruta polo legado de Antonio Palacios.
Delegación internacional de ASICOTUR coñece o potencial turístico do Porriño. Representantes de 17 países, no marco dun congreso en Mondariz, percorreron a Ruta de Antonio Palacios e outros puntos de interese do municipio.

O Concello do Porriño recibiu hoxe unha nutrida delegación da Asociación Internacional para a Cooperación Turística (ASICOTUR), integrada por representantes de 17 países. A visita enmárcase no congreso internacional “Conecta e Lidera 2025”, que se está a celebrar en Mondariz Balneario.

Esta delegación forma parte dunha rede internacional con presenza en 37 estados e máis de 125 delegados e socios de honra, cunha forte implantación nos ámbitos hispano e lusófono. A visita ao Porriño representa unha oportunidade clave para dar a coñecer a nivel global o atractivo turístico, cultural e patrimonial do municipio.

As persoas participantes foron recibidas polo alcalde, Alejandro Lorenzo, nun acto institucional. Posteriormente, realizaron a Ruta de Antonio Palacios, explorando de primeira man o legado do destacado arquitecto porriñés, así como outros puntos de interese do patrimonio local.

ASICOTUR é unha organización sen ánimo de lucro que impulsa a cooperación turística internacional, o intercambio de experiencias e a creación de proxectos conxuntos, con especial foco no desenvolvemento turístico sostible en países emerxentes. Conta co apoio de ONU Turismo.

O congreso “Conecta e Lidera 2025” reúne durante dous días a expertos e emprendedores de Europa, África e América para debater sobre temas cruciais para o sector, como o emprendemento feminino e xuvenil, a intelixencia artificial, o turismo inmersivo, a cooperación internacional e novas tendencias como a gamificación e o turismo deportivo. O programa tamén inclúe talleres prácticos, espazos de networking e actividades formativas de alto valor académico.

Desde o Concello do Porriño expresaron unha valoración moi positiva desta visita, agradecendo a elección do municipio como parte deste evento internacional. "Seguiremos traballando para situar O Porriño no mapa do turismo sostible, cultural e patrimonial a nivel global", afirmaron fontes municipais.