viernes. 19.04.2024

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, destacou hoxe a contribución da Orde de Malta na consolidación histórica do Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo. O responsable de Cultura do Goberno galego participou na presentación do novo volume da obra Las Encomiendas gallegas de la orden militar de San Juan de Jerusalén. Estudio y Edición Documental. La Encomienda de Beade, publicado polo Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) a través do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.

No acto de presentación da obra tamén interviron o arzobispo de Santiago, Julián Barrio, o director do Centro de Estudos Padre Sarmiento, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, o delegado do CSIC en Galicia, Javier Rey Campos, e o investigador do CSIC Isido García Tato.

A publicación enmárcase nun proxecto de investigación sobre a Orde de San Juan de Jerusalén (tamén coñecida como Orde de Malta), fundada en 1048 como unha comunidade monástica e na actualidade recoñecida como un ente independente de dereito internacional.

O tomo presentado hoxe consta de tres volumes dedicados especificamente á Orde de Beade que, desde finais do século XV, integraba un total de 18 partidos, cotos ou prioratos. Nel abórdanse aspectos como a súa xénese, as evolucións históricas, o goberno, a administración e o dominio eclesiástico, entre outros.

CULTURAL E ACADÉMICO

Román Rodríguez loou o “esforzo documental e académico” levado a cabo polos tres investigadores “centrados en ilustrar, educar e pormenorizar as singularidades da Encomenda de Beade” e a súa repercusión no desenvolvemento desta vila “a través do cobro de diezmos e primicias e da organización do traballo que se facía na contorna así como do auspicio que se prestaba aos peregrinos que se encamiñaban a Santiago”.

A Orde de Malta tivo unha importante presenza en Galicia entre os séculos XII e XIX, onde contou con dúas encomendas en Lugo (Portomarín e Quiroga) e outras dúas en Ourense (Pazos de Arenteiro e Beade), así como, nalgúns momentos tamén no Incio (Lugo) e Osoño (Ourense).

Orde de Malta, á consolidación histórica do Camiño de Santiago