Lugo pecha con éxito a primeira edición de Turistalent 5.0 e celebra este venres a súa gran gala final no Vello Cárcere
Dez startups completan con éxito o programa Turistalent 5.0 e presentarán este venres 16 (17.00 h) no Vello Cárcere propostas que van de baños de bosque e turismo para nómadas dixitais a experiencias gamificadas, camper e enogastronomía.
O Concello de Lugo pon punto e final á primeira e exitosa edición da súa aceleradora de empresas do sector turístico e enogastronómico, Turistalent 5.0, cunha gala final que se celebrará este venres, 16 de xaneiro, a partir das 17:00 horas, no Vello Cárcere de Lugo.
Ao longo dos últimos meses, dez startups completaron un itinerario de formación, aceleración e mentorización que arrancou no pasado mes de outubro e que permitiu facer evolucionar as súas propostas. As iniciativas achegan solucións innovadoras para reforzar e impulsar o turismo, un dos motores económicos da cidade e un importante polo de atracción de visitantes con retornos directos sobre a actividade local.
Unha decena de proxectos chamados a converterse en protagonistas do sector turístico na cidade veñen de completar con éxito un programa intensivo de aceleración e mentorización impulsado polo Concello de Lugo para fortalecer unha das industrias estratéxicas da capital.
Na gala final, as empresas participantes presentarán os seus proxectos ante o Comité Técnico da Aceleradora, nun acto que contará tamén con autoridades municipais, investidores e representantes de fondos, así como con outros axentes estratéxicos do sector a nivel provincial e autonómico. Cada promotor realizará un pitch de cinco minutos no que exporá os puntos fortes da súa proposta, o seu grao de maduración empresarial, a proxección e a escalabilidade nos mercados.
Durante o programa, os equipos afondaron na definición dos seus modelos de negocio e incorporaron aprendizaxes en áreas clave como captación de clientes, pacto de socios, innovación aplicada, internacionalización e comunicación, ademais de participar en xornadas con investidores e sesións prácticas para perfeccionar as presentacións.
Dez propostas con novas experiencias e servizos turísticos
Nesta edición inaugural, as apostas empresariais ofrecen alternativas que van desde baños de bosque, aloxamento e servizos para nómadas dixitais, e experiencias gamificadas en museos, ata servizos orientados ás viaxes camper, a gastronomía e as experiencias personalizadas para públicos diversos.
As dez startups finalistas de Turistalent 5.0 son:
-
Lugo. 5 Sentidos: experiencia sensorial na cidade combinando visitas guiadas, degustacións e interacción histórica adaptada a todos os públicos.
-
ALMA: plataforma dixital de paquetes turísticos para poñer en valor o patrimonio menos coñecido dos municipios.
-
Barvantia: alternativa que une a viaxe en autocaravana ou camper con asistencia e vivencias locais no marco do Camiño de Santiago.
-
Master of Museums: gamificación de visitas a museos con tecnoloxía NFC, app e un códice físico.
-
TheOK.app: ferramenta de escoita activa para destinos turísticos intelixentes.
-
Raíces – Reconecta contigo: proposta de benestar baseada en baños de bosque, ioga e actividades híbridas na frondosidade de Lugo.
-
Tutapeo: emprega intelixencia artificial para mellorar a visibilidade dos locais HORECA e crear rutas personalizadas.
-
Camino y Sabor: experiencias enogastronómicas sostibles con produtores locais e rutas personalizadas.
-
WorkFromGalicia: servizos para viaxeiros e peregrinos que queiran combinar turismo e teletraballo.
-
Doris Repostería: repostería galega artesanal, creativa e sostible con ingredientes locais.
Tras a gala, a organización ten previsto un evento de networking na azotea do Vello Cárcere, concibido como un espazo para facilitar o contacto directo entre as startups e as persoas asistentes, afondar en relacións profesionais e impulsar novas alianzas.
Un proxecto pioneiro ligado ao Plan de Sostibilidade Turística
Turistalent 5.0 nace como unha aposta do Concello de Lugo por impulsar o tecido empresarial local e fortalecer o posicionamento da cidade no turismo galego, sumando o potencial da enogastronomía como elemento diferencial. O programa forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “Et Edendo, Lucus: un percorrido histórico pola enogastronomía”, financiado polo Ministerio de Industria e Turismo a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e a Unión Europea – NextGenerationEU.