Distintivo SICTED, recoñecer o traballo das empresas por mellorar a experiencia e satisfacción dos e das turistas

Imaxe da entrega de certificados SICTED, na II Gala de Calidade Turística do GDR Condado Paradanta.

As empresas turísticas de Ponteareas, así como de todo o Condado-Paradanta, que queiran obter o certificado SICTED poden xa inscribirse neste proxecto que busca mellorar a calidade dos destinos turísticos e que está promovido pola Secretaría de Estado de Turismo (SETUR) co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e xestionada na contorna polo GDR Condado-Paradanta.  

Cunha validez bienal, o distintivo SICTED recoñece o traballo das empresas por mellorar a experiencia e satisfacción dos e das turistas. Cunha concepción integral do destino, con obxectivos comúns a todos os axentes implicados, o programa abarca 36 oficios diferentes que se poden acoller á iniciativa, entre os que destacan axencias de viaxes, establecementos de aloxamento, comercios turísticos, artesáns, restaurantes, bares, adegas, transporte público, guías turísticos, museos, oficinas de información e empresas de turismo activo, entre outros. 

As entidades interesadas terán ata o día 30 de abril pasa unirse a este proxecto gratuíto, xa que está financiado polo GDR Condado-Paradanta a través do convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia. Para obter o distintivo, as empresas teñen que participar e superar diferentes ciclos formativos e de asesoramento, así como avaliacións que acreditarán a súa calidade. A inscrición farase chamando ao 986 663 329 ou a través do correo electrónico gdr@gdrcondadoparadanta.gal.

Na actualidade son xa son 46 negocios, cinco deles de Ponteareas, os beneficiados con este selo de calidade que viron como mellorou a súa xestión interna, como incrementou a cualificación dos seus equipos e como aumentou a súa reputación entre as persoas visitantes.

A concelleira de turismo, Eva Gil Solla, convida a todas as empresa do sector a sumarse a esta iniciativa, “apostar pola calidade, convertendo os servizos e produtos que ofrecemos nun elemento diferencial capaz de atraer turismo e comprometerse para mellorar a experiencia e satisfacción de todas aquelas persoas que visitan a nosa vila”.