viernes. 29.03.2024

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá no concello de San Cristovo de Cea na inauguración do congreso “Coñece os Camiños”, acompañado do alcalde, José Luis Valladares, e do presidente da Orden del Camiño de Santiago, Miguel Pampín, co organizadores do evento.

Na súa intervención, Gabriel Alén sinalou que “a Vía da Prata conta cun enorme potencial de crecemento, que se verá acelerado ante a chegada do Xacobeo 21, pois é un dos máis importantes itinerarios xacobeos”, e significou que “desde a Xunta de Galicia estamos convencidos de que conta con infinitas posibilidades polas paisaxes e o patrimonio que atesoura, atravesando catro cidades declaradas Patrimonio da Humanidade”.

Organizado pola Orden del Camiño de Santiago e o concello de San Cristovo de Cea.

Dende o Goberno galego, engadiu o delegado territorial, “pensamos que o Camiño é un gran axente dinamizador das zonas rurais, e que tamén vincularse ao Camiño supón asociarse cunha marca recoñecida internacionalmente e relacionada con valores universais”. No caso da Vía da Prata, hai que destacar que é unha ruta que vertebra España desde a época romana e o seu impulso podería contribuír á desestacionalización do Camiño e, polo tanto, do turismo en todas as comunidades polas que pasa este trazado

Gabriel Alén lembrou que a Xunta está a rehabilitar o Mosteiro de Santa María a Real de Oseira, que se incorporará á rede de albergues dispoñibles na Vía da Prata. Esta actuación, que se enmarca no Plan de Albergues, inclúe unha achega dun millón de euros para mellorar o espazo existente de acollida de grupos, garantir a accesibilidade e construír novas dependencias para os peregrinos que percorren esta Ruta Xacobea.

A aposta pola rehabilitación de edificios con valor histórico patrimonial encaixa cos valores de sustentabilidade do Camiño de Santiago, que segundo o delegado territorial, “trátase dun fenómeno vinculado á natureza no que os peregrinos interactúan co territorio, a poboación, a cultura e o patrimonio dun xeito respectuoso e minimizando o impacto co medio natural”.

Gabriel Alén saudou aos participantes e relatores, desexándolles unha xornada proveitosa, e concluíu, “agardo, que tras iniciativas como as que hoxe estamos a desenvolver aquí en San Cristovo de Cea, o Xacobeo 21 acade un recoñecemento se cabe maior”.
 

'Coñece os Camiños'