jueves. 25.04.2024

Máis de 5.300 persoas visitaron este verán o espazo informativo móbil Galicia destino seguro incluído na campaña de concienciación coa que a Xunta de Galicia promoveu desde xullo un turismo seguro en 23 localidades galegas, que hoxe remata o seu percorrido no concello de Tui.

Desde esta unidade móbil, que recibiu unha media de 215 visitantes diarios e funcionou como oficina de turismo itinerante, informouse aos viaxeiros e aos propios galegos dos recursos turísticos dispoñibles na nosa Comunidade e a potencialidade de Galicia como destino seguro. Contouse coa atención de profesionais da información turística e difundiuse o destino, poñendo en valor recursos como o Camiño de Santiago, a paisaxe, a natureza, a enogastronomía ou o patrimonio cultural.

A iniciativa deu comezo en xullo en Santiago de Compostela e continuou por algúns dos principais destinos turísticos galegos, urbanos, de costa e tamén de interior. Formaron parte do percorrido zonas como Ferrol, A Coruña, Ribeira, Betanzos, Rianxo, Lugo, Monforte de Lemos, Sarria e Viveiro, Ourense, O Carballiño, Pontevedra e Poio. Nas últimas semanas estivo no Salnés, con Sanxenxo, O Grove, Cambados e Vilagarcía de Arousa como parte do seu percorrido, así como en Cangas, Vigo ou Nigrán. As últimas paradas foron Baiona, onte sábado, para rematar hoxe en Tui.

REACTIVACIÓN

Esta campaña itinerante enmárcase na batería de medidas postas en marcha pola Xunta para ofrecer seguridade e protección aos viaxeiros, traballadores e galegos no actual escenario e forma parte do Plan de Reactivación do sector cultural e turístico.

Para o sector profesional, o Goberno autonómico está a actuar en catro ámbitos: a información, coa publicación e posta a disposición de materiais con recomendacións e medidas preventivas en materia hixiénico-sanitaria; a formación, a través de diferentes cursos gratuítos e certificables, o asesoramento e o financiamento para que empresas e profesionais do sector turístico se adapten en materia de seguridade sanitaria.

Campaña de concienciación de Turismo Seguro en 23 localidades galegas