viernes. 29.03.2024

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi a encargada de clausurar o Cumio Interautonómico dos Camiños de Santiago do Norte Peninsular, que se celebrou ao longo destes tres últimos días en Mondoñedo, Lugo e Santiago.

Tres xornadas que serviron para por de manifesto a fortaleza dos lazos que unen ás comunidades do norte peninsular e a boa saúde dos Camiños de Santiago, verdadeiro eixe vertebrador da España Verde e un verdadeiro motor de reactivación económica e emocional no proceso de recuperación do turismo trala crise sanitaria.
Así, Castro destacou durante o peche do encontro que o Camiño “é desde hai séculos un fío de afecto que nos conectou como pobos e que nos trae unha mensaxe de cooperación, a través dos valores que compartimos coa Ruta Xacobea”.

A directora de Turismo aproveitou para enxalzar os valores comúns que unen aos territorios da España Verde, que a través do turismo e do Camiño e destacou os bos resultados acadados por Galicia neste verán: “Fomos a única comunidade que conseguiu superar en agosto os datos turísticos prepandemia cun 70% máis de viaxeiros que en agosto de 2020 e 27 puntos por riba da demanda nacional en comparación cos datos de 2019, o que nos permite pensar que estamos en condicións de conseguir un posicionamento de liderado na volta á esencia dos valores dunha sociedade fortemente impactada pola situación sanitaria”.

O Cumio Interautonómico dos Camiños de Santiago do Norte Peninsular reuniu a especialistas, técnicos e representantes institucionais das comunidades do norte peninsular co obxectivo de abordar os retos que afrontan estes trazados. O encontro contou, ademais, cun completo programa de actividades turísticas, culturais, musicais e gastronómicas que concluíu hoxe en Santiago de Compostela.

Camiños de Santiago, verdadeiro eixe vertebrador da España Verde