miércoles. 24.04.2024

75 personas seguen un curso formativo que lles permitirá acreditarse como guías especializados do Parque

A actividade, organizada polo Organismo Autónomo de Parques Nacionais coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, prolongarase ata o vindeiro mes de setembro e combinará formación teórica e práctica para achegar os principais valores naturais, históricos, arqueolóxicos e submarinos dos arquipélagos a profesionais procedentes de distintas ramas vencelladas co sector do turismo.
Durante xullo e agosto farán de forma telemática a parte teórica do curso e a partir de outubro realizarán prácticas no centro de visitantes e nas propias illas.
Durante xullo e agosto farán de forma telemática a parte teórica do curso e a partir de outubro realizarán prácticas no centro de visitantes e nas propias illas.

Un total de 75 persoas participan desde esta semana nun curso formativo que lles permitirá acreditarse como guías especializados do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. A maioría dos inscritos, un total de 40, son profesionais do sector que exercen xa de guías turísticos e os 35 restantes están relacionados con ramas como a bioloxía, as ciencias do mar, a historia ou a enxeñaría.

A actividade, organizada polo Organismo Autónomo de Parques Nacionais coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, prolongarase ata o vindeiro mes de setembro e combinará formación teórica e práctica para achegar os principais valores naturais, históricos, arqueolóxicos e submarinos dos arquipélagos a profesionais procedentes de distintas ramas vencelladas co sector do turismo.

A primeira parte do curso, cunha duración de 70 horas e matrícula gratuíta, impartirase mediante unha plataforma de aprendizaxe en liña e prolongarase ata agosto. Tamén se prevé que os participantes reciban 30 horas de formación práctica, presencial e obrigatoria, que se desenvolverá tanto no centro de visitantes como nas propias Illas Atlánticas en outubro.

Esta formación vai especialmente orientada a aqueles profesionais e empresas do sector situadas na contorna socioeconómica do Parque Nacional que pretendan exercer no mesmo e necesiten formación especializada para iniciar, guiar e dar a coñecer os valores deste espazo, concienciar sobre a súa conservación e dinamizar grupos.

Deste xeito, recibirán coñecementos sobre as bases conceptuais e teóricas propias da función de guía na rede de Parques Nacionais e para analizar e comprender os principios teóricos da interpretación e a educación ambiental co fin de capacitar aos alumnos para o desenvolvemento das actividades necesarias para guiar a persoas ou grupos.

PERFÍS MAIORITARIOS

O perfil maioritario dos participantes está relacionado co sector turístico de forma directa ou indirecta: informadores en puntos de atención turística, guías de turismo, técnicos de concellos ou organismos vinculados ao sector, traballadores das navieiras que operan ao arquipélago, ou persoal da hostalería da contorna das illas.

En todo caso, tamén hai profesionais procedentes doutras disciplinas interesados en lograr a capacitación necesaria para especializarse na difusión dos principais valores das Illas Atlánticas.

Grazas a estes cursos, que se imparten na comunidade de forma ininterrompida desde o ano 2006, preto de 800 persoas con distintos perfís formativos e laborais están acreditadas xa como guías do Parque Nacional, o que lles permite traballar tanto para a Administración como para empresas privadas do sector turístico, náutico e ambiental.

As Illas Atlánticas consolídanse ano tras ano como o parque nacional español que forma a máis guías especializados, un colectivo que supón un activo imprescindible para garantir o dobre obxectivo de protexer un espazo natural único e contribuír, á vez, a divulgar os seus principais valores entre veciños e visitantes a través da aposta polo turismo sostible.

De feito, o número de solicitudes recibidas mantén unha tendencia ascendente polo que, de entre todos os inscritos, seleccionouse aos 75 participantes nesta edición en base á orde de presentación da instancia, ao seu currículo e á relación entre a súa formación ou actividade profesional e o propio obxectivo do curso.

CONTIDO E ESTRUCTURA

En canto ao contido do curso, a formación teórica centrarase en afondar en materias relacionadas coa lexislación correspondente e o Plan reitor de usos e xestión de Illas Atlánticas, aprobado a finais de 2018, e información relacionada coa fauna, a flora e o medio mariño dos catro arquipélagos, así como co patrimonio cultural, histórico e etnográfico ou as rutas existentes nas illas, incluíndo recomendacións para que as persoas con diversidade funcional teñan unha mellor experiencia.

A formación tamén inclúe unha parte de carácter xenérico sobre os espazos protexidos e a rede de parques nacionais, o uso público, turístico e as actividades de voluntariado neste tipo de lugares, outro módulo relacionado coa educación ambiental e a interpretación do patrimonio e unha unidade didáctica centrada no deseño e comunicación de mensaxes nas visitas guiadas interpretativas.

Cómpre lembrar que un dos principais obxectivos deste curso de formación de guías é outorgar aos participantes as ferramentas e recursos axeitados para proporcionar aos visitantes a información máis actualizada posible sobre aspectos como os servizos, a normativa ou a xestión deste espazo. Tamén se pretende concienciar aos asistentes da necesidade de conservación e protección dos valores do Parque Nacional das Illas Atlánticas, así como da importancia do labor dos guías profesionais na súa transmisión.

75 personas seguen un curso formativo que lles permitirá acreditarse como guías...
Comentarios