jueves. 05.12.2024

O mirandés, a outra lingua portuguesa que loita pola unha oficialidade real

Os falantes de mirandés cífranse na actualidade en arredor de catro mil. A língua fálase en todo o concello de Miranda do Douro (Miranda de l Douro, en mirandés) e tres aldeas do concello de Vimioso (Bumiso). Trátase dunha das zonas do interior portugués máis castigadas polo despoboamento, cunha emigración histórica a Francia. Este despoboamento constitúe a principal ameaza para o futuro do mirandés.
1.	O profesor Costas (dereita), cun grupo de alumnos da Universidade de Vigo, nunha recente visita á Casa da Lingua Mirandesa, en Miranda do Douro.
1. O profesor Costas (dereita), cun grupo de alumnos da Universidade de Vigo, nunha recente visita á Casa da Lingua Mirandesa, en Miranda do Douro.

Moitos galegos e non poucos portugueses descoñecen que en Portugal –no extremo nordés, na fronteira con España–, ademais do portugués, fálase tamén o mirandés, unha lingua asturleonesa emparentada co asturiano e mais co leonés que goza mesmo de recoñecemento oficial, aínda que non de oficialidade efectiva, e ten incluso unha subvariedade, o sendinés –chamado tamén mirandés do sur–, falado na aldea de Sendim.

Os falantes de mirandés cífranse na actualidade en arredor de catro mil. A língua fálase en todo o concello de Miranda do Douro (Miranda de l Douro, en mirandés) e tres aldeas do concello de Vimioso (Bumiso). Trátase dunha das zonas do interior portugués máis castigadas polo despoboamento, cunha emigración histórica a Francia. Este despoboamento constitúe a principal ameaza para o futuro do mirandés.

2
Casa do Concello do Miranda de Douro.

Por que se fala aí asturleonés en non portugués? Para entendelo cómpre acudir á historia. No 297 d. C. a división administrativa da Península terminou definitivamente tras o período de expansión romana. A Terra de Miranda quedou ligada ao Conventus Iuridicus de Asturica Augusta (Astorga), e non ao de Bracara Augusta (Braga), como o resto de Trás-os-Montes. Desta maneira, a zona de Miranda non pertenceu desde o principio ao posterior Condado Portucalense, e por tanto situábase dentro do ámbito astur-leonés, no canto do galego-portugués. Entre os séculos VII e XII, o actual concello de Miranda do Douro pertenceu á diocese de Astorga, e non á de Braga, e a Terra de Miranda foi repoboada entre os séculos XII e XIV por xentes oriúndas de terras leonesas.

Chama a atención a relativa vitalidade que aínda conserva esta fala en Miranda, fronte á práctica desaparición do leonés nos concellos españois doutro lado da fronteira, fagocitado polo español desde comezos do século XX. A razón hai que a buscar na distancia que separa esta zona dos principais núcleos urbanos do litoral portugués e na estreita relación histórica que tivo precisamente con esas comarcas fronteirizas de Zamora nas que o leonés agora agoniza, como Aliste e Sayago.

“ENGANO TERMINOLÓXICO”

 O mirandés goza de recoñecemento oficial en toda a provincia portuguesa de Trás-os-Montes e Alto Douro desde 1999, pola Lei de Reconocimiento oficial de derechos lingüísticos de la comunidad mirandesa. Ademais, en 2021 Portugal asinou a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias, pero aínda non a ratificou, o que limita sen dúbida as posibilidades desta lingua. No concello de Miranda, as placas das rúas son bilingües (mirandés e portugués) e as explicacións dos monumentos principais están na lingua asturleonesa.

3
Placa con texto explicativo en mirandés sobre a Muralla Prerrománica de Miranda de Douro.

Que os mirandeses teñan recoñecidos os seus dereitos lingüísticos non quere dicir que o mirandés sexa realmente a segunda lingua oficial de Portugal, como adoita dicirse. Para iso habería que empezar por que o Goberno portugués ratificase a Carta Europea de Linguas, o que levaría a modificar a lei de 1999. Iso permitiría, por exemplo, a organización de cursos de formación do profesorado de mirandés –inexistentes agora–, que o persoal sanitario fose quen de atender os maiores na súa lingua ou que se puidese declarar en mirandés nun xuízo sen temor a que a declaración non fose admitida, enfatiza o catedrático de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas, desde cuxo departamento vénse prestando atención ao estudo e mais á promoción desta lingua minorizada. Por iso, para o catedrático, o de “recoñecemento oficial” é un “engano terminolóxico”: “Non é o mesmo ‘recoñecemento oficial’, onde o substantivo é ‘recoñecemento’, que ‘oficialidade recoñecida’, onde o substantivo sería ‘oficialidade’. E iso na lei non se cita”, di.

Un bo exemplo das limitacións legais do mirandés na actualidade atopámolo na escola, onde esta lingua non só non é obrigatoria, senón que ademais é extracurricular. Non conta para a nota media e os estudantes só teñen unha hora de clase á semana. Ademais, non hai libros de texto nin formación dos profesores, e, aínda por riba, nunca se sabe se vai haber clases ou non no curso seguinte, porque todo depende de que Lisboa libere os cartos necesarios, segundo denuncia Costas, “As enquisas que fixemos indican que a escola non fai máis falantes. O mozos competentes na lingua son os que están en contacto con ela fóra da escola, nas aldeas. A escola vale porque cambia a actitude e a mentalidade, e faina máis favorable ao mirandés. É unha aprendizaxe máis sociolingüística que lingüística, porque unha hora de clase á semana non dá para nada, só para reflexionar un pouco sobre a situación da lingua”.

4 angueira
São Martinho de Angueira, unha das aldeas de Miranda de Douro.

 “Cando lles preguntamos ao mozos nas enquisas se saben falar mirandés, o 40% di que si, porque van a clase, pero un terzo deles non saben realmente. Pero isto tamén acontece en Galicia co galego. Tatexan ou cometen erros graves na oralidade”, explica o catedrático, que apunta que nos últimos tempos ten habido “un descenso brutal” de falantes de mirandés entre os menores de corenta anos.

NORMATIVA CON ORTOGRAFÍA PORTUGUESA

Unha das consecuencias da lei de recoñecemento oficial dos dereitos lingüísticos dos mirandeses foi a normativización da lingua. En 1999 –só dezasete anos despois de que se normativizase o galego– o Concello de Miranda do Douro e mais a Universidade de Lisboa elaboraron una normativa ortográfica baseada na do portugués. En toda Europa, as linguas reemerxentes, sen poder político e económico real, adoitan adoptar un revestimento gráfico próximo ao da lingua teito para facilitar o apoderamento da escrita por parte dos seus falantes, polo xeral ágrafos na lingua de seu. Fíxose co corso respecto ao francés, co sardo respecto ao italiano e mesmo co galego respecto ao castelán. A normativa do mirandés, ademais de permitir o ensino desta lingua na escola, deu lugar a unha grande actividade editorial, verdadeiramente insólita para un idioma de apenas 4.000 falantes que tén que loitar aínda coa incomprensión e a ignorancia da academia e das autoridades portuguesas. Traducíronse obras universais, como algunhas das aventuras de Asterix, O Principiño, de Antoine de Saint-Exupéry–, Os Lusíadas, de Luís de Camões –a obra cume da literatura portuguesa– e os catro Evanxeos.

A DIFÍCIL CONVERXENCIA CO ASTURIANO

Paradoxalmente, a normativización do mirandés non facilitou as súas relacións co asturiano, senón que as empeceu. O problema, explica o profesor Costas, é que “o mirandés é asturleonés occidental e a normativa do asturiano fíxose a partir do asturiano central. Iso impide a converxencia”. Porén, nos últimos anos a relación entre ambas as dúas variedades mellorou notablemente, ata o punto de que a Academia de la Llingua Asturiana ten hoxe un académico en Miranda.

Porén, nos últimos anos a relación entre ambas as dúas variedades mellorou notablemente, ata o punto de que a Academia de la Llingua Asturiana ten hoxe un académico en Miranda.

Un exemplo da falta de sensibilidade polo mirandés por parte das autoridades e mais dos académicos de Portugal é o manifesto Mirandés a Conceilho, promovido hai dous anos pola Universidade de Vigo. Dirixido ao presidente da República portuguesa, ao Goberno e aos partidos políticos do país veciño, entre outros destinatarios, deuse a asinar a moitas universidades españolas e portugueses. O manifesto foi subscrito por sesenta persoas en España e só cinco en Portugal, das que tres eran galegos que estaban a traballar alá como profesores universitarios.

En Portugal hai dúas institucións dedicadas ao estudo e mais á divulgación do mirandés: o Anstituto de la Lhéngua Mirandesa e a Associaçon de Lhéngua i Cultura Mirandesa. Esta última ten en Miranda a Casa da Lhéngua Mirandesa, ubicada na Casa dos Cachorros Eróticos, un edificio do século XVI caracterizado polas xanelas de canto e as esculturas da fachada que lle dan nome e revelan os segredos agochados da cama medieval.

O mirandés, a outra lingua portuguesa que loita pola unha oficialidade real
Comentarios