O 25 de Abril e a canción de intervención en Portugal

Imagen de la película / documental 'Outro País', de Sérgio Tréfaut, mediante imágenes de archivo de fotógrafos, periodistas y cineastas extranjeros, pretende reconstruir la situación que se vivió en Portugal durante los años revolucionarios de 1974-1975, la Revolución de los Claveles.
Cúmprense agora 49 anos do 25 de Abril e todos os que o miramos con simpatía celebrámolo outra vez con emoción, á espera da gran celebración que terá lugar no vindeiro ano, cando se cumpra un aniversario tan redondo como o 50. Desta vez achegueime a “O Estudio”, a sala que a asociación cultural do mesmo nome ten en Vigo, onde Bea Míguez, Juan Oruezabala e Antón Casal ofreceron un concerto conmemorativo co título de “Cancións para o 25 de Abril”. Un concerto en que rescataron 14 das “cancións de intervención” de José Afonso, alén doutra de Fausto e máis unha de Vitorino.

Cúmprense agora 49 anos do 25 de Abril e todos os que o miramos con simpatía celebrámolo outra vez con emoción, á espera da gran celebración que terá lugar no vindeiro ano, cando se cumpra un aniversario tan redondo como o 50. Desta vez achegueime a “O Estudio”, a sala que a asociación cultural do mesmo nome ten en Vigo, onde Bea Míguez, Juan Oruezabala e Antón Casal ofreceron un concerto conmemorativo co título de “Cancións para o 25 de Abril”. Un concerto en que rescataron 14 das “cancións de intervención” de José Afonso, alén doutra de Fausto e máis unha de Vitorino.

Co gallo deste concerto e deste novo aniversario do 25 de Abril gustaríame lembrar o que foi a canción de intervención portuguesa, un movemento paralelo á canción protesta española da mesma época, pero que, sen dúbida, tivo un maior impacto na sociedade en que medrou; ao fin e ao cabo foi a banda sonora de toda unha revolución triunfante, aínda que fose unha revolución tan sui géneris coma a portuguesa.

MÚSICOS QUE FICARON PARA A HISTORIA

A canción de intervención tivo máis importancia social e política que musical, por mor da súa contribución á caída da ditadura en Portugal e á da guerra colonial, e ás profundas mudanzas sociais experimentadas polo país após a Revolución. No entanto, non debemos subestimar a súa transcendencia musical: afirmou novas correntes estéticas, abrindo mesmo novos camiños para o fado, e axudou a cimentar a carreira de algúns cantores e músicos que ficarían para a historia, como José Afonso, José Maria Branco, Fausto, Vitorino ou mesmo Carlos do Carmo, quem, con a colaboración sobre todo do poeta Ary dos Santos, simboliza como ninguén o novo fado após a Revolución.

Non se poder asociar un estilo musical específico á canción de intervención en xeral, mais si existe un conxunto de características estilísticas comuns ao seu universo sónico, derivadas da necesidade imperativa de ser simple, obxectiva e directa, cunha liña melódica sinxela, debedora da música tradicional portuguesa, cantada nun ton de voz marcadamente íntimo e apelativo e acompañada sobre todo pola viola.

A canción de intervención portuguesa foi influenciada pola canción baladeira europea dos anos cincuenta e sesenta, nomeadamente pola francesa. En Francia exiliáronse algúns cantores, como Luís Cília, José Mário Branco, Francisco Fanhais, Vitorino ou Sérgio Godinho, e graváronse algúns discos fundamentais do movemento coa participación de músicos franceses, alén de portugueses.

O cantor de intervención é un actor nomeadamente político, máis que cultural, envolvido a muitos niveis nas loitas contra a ditadura. O movemento tivo unha evidente ligazón coa Revolução dos Cravos, mesmo na noite do 24 de abril, quando funcionou como elemento desencadeador da operación militar a través das cancións E depois do adeus, de Paulo de Carvalho, e Grândola, vila morena, do Zeca Afonso, cuxas emisións pola radio foron os sinais para a actuación das tropas.

O ZECA, A CATARINA E O PINTOR QUE MORREU

O Zeca é, sen dúbida, o mellor e máis famoso cantor portugués de intervención e un dos músicos lusitanos máis importantes de todos os tempos. Morreu en 1987, aínda relativamente novo, vítima de esclerose lateral amiotrófica. Alén de Grândola Vila Morena (1971), composta en agradecemento á Sociedade Musical Fraternidade Operária Grandolense e interpretada en público por primeira vez en Galicia (“O povo é quem mais ordena / dentro de ti, ó cidade”), compuxo outras cancións de intervención tan significativas como Os vampiros (1963), convertida en símbolo contra o fascismo (“Eles comem tudo, / eles comem tudo, / eles comem tudo / e não deixam nada”) ou A morte saiu à rua (1972), dedicada ao pintor e militante comunista José Dias Coelho, asasinado pola PIDE en 1961 (“Teu sangue, pintor, / reclama outra morte igual. / Só olho por olho / e dente por dente vale”). Mais tamén O Menino do Bairro Negro (1963), inspirada nos meninos da rúa do Porto (“Negro bairro negro / bairro negro, / onde não há pão, / não há sossego”) ou Cantar alentejano (1971), que ten como protagonista a Catarina Eufémia, campesiña morta pola GNR durante unha folga (“Quem viu morrer Catarina / Nao perdoa a quem matou”). E, por suposto, Canta camarada (1969), que se convertería case nun himno do PCP na clandestinidade.

Mais a lista dos grandes cantores portugueses de intervención no remata con José Afonso; apenas comeza. Repasemos os nomes dalgúns outros.

OUTROS CANTORES: DE CORREIA DE OLIVEIRA  A FAUSTO

Adriano Correia de Oliveira, quen tamén morreu prematuramente –aínda máis que o Zeca, en 1982, por unha hemorraxia esofáxica– é autor da inesquecíbel Trova do vento que passa (1963), que se tornaría unha espécie de himno da resistencia dos estudantes á ditadura (“Mesmo na noite mais triste / em tempo de servidão / há sempre alguém que resiste, / há sempre alguém que diz não”).

De Luís Cília, quen naceu en Angola e estivo once anos refuxiado en Francia, onde gravou o primeiro disco da música portuguesa de resistencia no exilio, cómpre lembrar Avante camarada (1967), unha especie de segundo himno do Partido Comunista Portugués.

José Mário Branco, morto en 2019, gravou tamén en Francia, onde estaba exiliado, o extraordinario Mudam-se os tempos, mudam-se as vontades (1971), en que, na canción do mesmo título, se atreve a reconducir un poema de Luís Vaz de Camões, monumento nacional e figura inquestionábel para as autoridades da ditadura, a un papel interventivo, reforzado nestas palabras intrusas engadidas ao soneto orixinal: “E se todo o mundo é composto de mudança, / troquemos-lhe as voltas, que ainda o dia é uma criança”.

De Fausto hai que destacar Uns vao bem e outros mal (1977), coa que remataban todas as noites na mítica discoteca Johaquin no Santiago de Compostela da época, segundo lembraba Antón Casal no concerto de “O Estudo” de Vigo de que falaba ao principio deste artigo. O texto da canción non pode ser máis transparente: “Que só muda esta vida quando tiver o poder o que vive a trabalhar”.

A MARIA DA FONTE DE VITORINO

Vitorino, especializado no folclore popular do Alentejo, compuxo, entre outras, Maria da Fonte (1978), sobre a revolta popular en 1846 contra o Goberno de António Bernardo da Costa Cabral, instigada inicialmente por unha mulher do pobo alcumada Maria da Fonte.

De Fernando Tordo (1948), de quen destaca a súa colaboración como compositor de poemas de  Ary dos Santos, entre elas Estrela da tarde e Cavalo à solta, temos esse entusiasta Portugal Ressuscitado, gravado logo a seguir ao 25 de Abril, com letra do Ary (“Agora o povo unido / nunca mais será vencido”).

Por fin, Sérgio Godinho é autor de temas como Maré alta, escrita aínda no exilio: “Aprende a nadar, companheiro, / que a maré se vai levantar, / que a liberdade está a passar por aquí”. E tamén de Liberdade, composta xa no Portugal da Revolución: “Só há liberdade a sério quando houver / liberdade de mudar e decidir, / quando pertencer ao povo o que o povo produzir”.