viernes. 29.03.2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a licitación pública para seleccionar entre catro e oito socios estratéxicos e tecnolóxicos para o Polo Aeroespacial de Galicia, a primeira das 30 actuacións previstas na Estratexia 2021-2025 da iniciativa. Cun orzamento de 40M€, o prazo de recepción de solicitudes para participar na fase previa deste proceso, impulsado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), estará aberto ata o 10 de setembro e os interesados poden consultar o documento que regula as condicións da convocatoria na páxina web www.civiluavsinitiative.com.

As empresas que desexen participar no proceso deben cumprir varios requisitos e presentar ata un máximo de vinte servizos ou proxectos de I+D+i realizados nos últimos cinco anos.

Esta licitación ten por obxectivo xerar resultados como a sinatura de acordos de asociación con entre 4 e 8 empresas tractoras, desenvolver 80 proxectos de I+D, construír novos hangares no Parque Tecnolóxico e Industrial de Rozas e acadar un efecto tractor sobre 80 pemes galegas, multiplicando así a capacidade tecnolóxica de Galicia.

Esta licitación abre grandes oportunidades para as empresas e centros de coñecemento galegos que xa teñen participado en proxectos do Polo Aeroespacial de Galicia. Neste sentido, a Xunta de Galicia habilitou unha nova sección de Directorio na web da Civil UAVs Inititative para facer máis accesible o contacto con estes axentes a todas aquelas empresas tractoras que aspiran a converterse en socios estratéxicos do Goberno galego.

A selección de socios para os próximos cinco anos do Polo Aeroespacial de Galicia realizarase mediante un proceso de diálogo competitivo. Rematada esta fase previa de solicitudes de participación e documentación, iniciarase un período de diálogo no que as empresas convidadas a participar –un mínimo de 2 e un máximo de 10– deberán presentar as súas propostas.

Posteriormente, celebrarase a fase de peche de diálogo e selección de programas conxuntos de interese preferente, na que as empresas deberán presentar as propostas de solución final; e a fase de peche financeiro, na que deberán presentar a documentación acreditativa da dispoñibilidade e acceso a fontes de financiamento complementarias propostas.

MOBILIDADE

Entre as novidades do proceso de licitación, a Civil UAVs Initiative quere impulsar e poñer a disposición dos adxudicatarios o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) como un espazo de experimentación nunha contorna segura para promover avances na regulación.

Deste xeito, as empresas licitadoras poderán unirse ao sandbox de Rozas para explorar solucións técnicas enfocadas a mellorar as operacións de mobilidade aérea que permitan abrir novas posibilidades regulatorias. Así, a Civil UAVs Inititive contribúe coas autoridades aeronáuticas reguladoras na definición dos requisitos para a realización dos ensaios e das futuras regulacións que darán soporte ás operacións comerciais con drons.

Este sandbox disporá de sistemas de simulación estratéxica e táctica para as operacións con vehículos non tripulados, un entorno de tecnoloxía 4G e 5G para o seu uso como enlace de comunicacións en operacións BVLOS, sistemas de aterraxe e despegue vertical, micrometeoroloxía e un sistema de ciberseguridade nas comunicacións, entre outros.

Os sistemas sandbox permiten coñecer en maior profundidade as características dun novo produto ou modelo de negocio, permiten afinar e axustar as innovacións nun entorno de mercado, minimizan a inseguridade xurídica e contribúen a mellorar o acceso a investimentos ao ofrecer un marco seguro aos proxectos de innovación; facilitan a colaboración entre as administracións públicas, empresas e usuarios; e contribúen a modernizar o contexto regulatorio das actividades produtivas, asegurando sempre a protección dos dereitos dos cidadáns.
 

O Polo Aeroespacial busca socios estratéxicos