Mos creará un espazo verde no Polígono da Veigadaña para combater a illa de calor urbana
O Concello de Mos dotará ao Polígono Empresarial da Veigadaña dun novo espazo verde co obxectivo de atenuar o efecto illa de calor urbano. Esta iniciativa, que conta cun orzamento de 52.283,51 euros e unha subvención de 41.826,81 euros da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático a través do programa Galicia Refuxio Climático, busca facer fronte aos impactos do cambio climático a nivel local e aumentar a resiliencia do territorio.
O proxecto inclúe a creación dunha infraestrutura verde piloto destinada á mellora da biodiversidade, a recuperación dun espazo natural e o deseño de paisaxes resilientes en ambientes industriais rurais.
As actuacións previstas comprenden a implementación de bandas de vexetación para a separación e redución da contaminación acústica, visual e de cores, así como a creación de espazos naturais verdes de acceso público entre as edificacións do polígono e a zona rural habitada. Con isto, búscase favorecer a comunicación entre empresas e servizos a través de espazos seguros, á vez que se crea un refuxio climático nunha área industrial, contribuíndo á redución de carbono, á mellora da calidade do aire e á mitigación das illas de calor.
O Concello de Mos, dentro do seu compromiso coa prevención dos riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos, traballa para poñer en marcha este proxecto canto antes, tendo como prazo de execución o 17 de novembro de 2025.