A Xunta avanza na Lei de Educación Dixital coa achega de sindicatos, ANPAS e ensino concertado
A Xunta de Galicia continúa coa rolda de reunións cos axentes da comunidade escolar para perfilar o contido da futura Lei de educación dixital. O obxectivo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP é elaborar un texto normativo desde unha perspectiva integral, de diálogo e de consenso.
Nesta xornada, a Consellería reuniuse, en tres encontros separados, coas organizacións sindicais, as asociacións de nais e pais (ANPAS) e as patronais do ensino concertado para recoller as súas achegas e enriquecer o borrador da lei.
Amplo respaldo sectorial
A Consellería estivo representada polo secretario xeral técnico, Manuel Vila; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez.
Por parte das organizacións sindicais, participaron CIG, CCOO, Anpe e UGT. No apartado das asociacións de nais e pais, asistiron Anpas Galegas, Confapa e Congapa. Finalmente, a reunión co ensino concertado contou coa presenza de Escolas Católicas, CECE e ACES.
Unha lei pioneira en Europa
Esta normativa, inédita ata o de agora a nivel estatal e europeo, busca establecer un marco legal que regule os dereitos e deberes no ámbito da tecnoloxía educativa.
A Lei de educación dixital apostará por un modelo híbrido de educación que combine o ensino tradicional coas novas ferramentas tecnolóxicas. A Xunta busca así adaptarse ás demandas da sociedade actual e garantir unha educación de calidade e adaptada ao futuro.