Rematan as obras de reparación das cubertas das capelas da igrexa de San Martiño Pinario

No marco do programa de restauración de monumentos do Consorcio de Santiago, o organismo interadministrativo acaba de rematar as obras de reparación das cubertas da igrexa de San Martiño Pinario, por un importe global de 114.950 euros. A empresa adxudicataria foi Rehabita Gestión Integral de Rehabilitaciones y Restauración, S.L.

O responsable deste proxecto é o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago Ramón Fernández Hermida. Explica que o obxectivo principal desta actuación era evitar a entrada da auga da choiva cara ao interior dos muros das capelas da Nosa Señora do Socorro, Santa Catalina e Santa Escolástica. “Interveuse nas súas cubertas, ao tempo que se realizou unha limpeza e rexuntado das súas fachadas e das fachadas da nave central da igrexa que son accesibles desde estas cubertas, xunto a outras obras menores” -sinala-.

O arquitecto indica que a tella atopábase en moi mal estado, con falta de moitas pezas e outras moitas rotas; ademais, había unha gran cantidade de vexetación que obstruía as canles. “Aínda así, e dado que as placas de fibrocemento que hai por debaixo da tella estaban en bo estado, a maior entrada de auga ao interior dos muros producíase polos encontros dos faldróns das cubertas e os muros verticais da igrexa” -afirma-.

FACHADAS

Segundo o arquitecto, o estado da pedra das fachadas era bo, sen perdas de material. A fábrica é de boa factura e non se percibían tampouco fortes deformacións nin gretas. Ademais, a pedra non estaba meteorizada por causa de axentes atmosféricos, contaminación… Non obstante, había zonas invadidas pola vexetación e áreas colonizadas por mofos e liques e, en xeral, con abundante sucidade. En determinadas zonas os rexuntados da pedra estaban desprendidos ou non existían.

Os pináculos que están á dereita da fachada da igrexa tiñan unhas ancoraxes deficientes que non aseguraban a súa estabilidade, polo que se repararon. Tamén se amañaron as varandas de balcón do corpo das escaleiras, que presentaban un alto grao de oxidación.