Os nanosatélites, os modelos 3D e os biodeterxentes, protagonistas dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2019

Alen Space UVigo.

Os biodeterxentes obtidos de residuos do millo, os modelos 3D que replican vasos sanguíneos e os nanosatélites para mellorar as comunicacións son os ganadores dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, que este ano chegan á súa quinta edición cunha dotación de 6.000 euros en cada unha das súas categorías.

O certame, que vén de facer pública a resolución do xurado, está promovido pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, para recoñecer as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo. Os galardóns serán entregados nunha cerimonia que terá lugar o 11 de decembro.

EQ10 Uvigo.

O premio “Fernando Calvet Prats” é para o grupo de investigación EQ10 da Universidade de Vigo, por presentar o mellor traballo de tecnoloxía xa transferida con éxito ao sector empresarial. O equipo gañador descubriu a presenza de biosurfactantes, unha clase de deterxente biolóxico, nos residuos da industria do millo, con aplicacións en produtos e solucións para os ámbitos cosmético, farmacéutico, agroquímico e medioambiental.

A proposta do grupo EQ10 supón non só unha alternativa de baixo custo ­–e tamén máis biocompatible e eficaz– aos deterxentes sintéticos, senón tamén unha oportunidade para reutilizar as grandes cantidades de residuos producidos no procesado do millo e, polo tanto, reducir a pegada ambiental deste tipo de industrias.

Estes biosurfactantes obtidos polos investigadores da Uvigo proceden dos licores do lavado do millo, unha corrente acuosa resultante do proceso ao que este cereal se somete para extraer os seus azucres e amidóns, moi utilizados na industria alimentaria. Por cada tonelada de azucre e amidón xérase aproximadamente outra tonelada de licores, residuos que se veñen usando minoritariamente como fonte de nitróxeno en procesos de fermentación ou en pensos animais, mentres que o resto debe ser tratado como residuo industrial.

O EQ10 é o único grupo de investigación a nivel mundial que rexistrou patentes –tres ata o momento e dúas en trámite– e publicou en revistas científicas internacionais con elevado impacto sobre a obtención destes extractos a partir dos residuos do millo.

As súas aplicacións son tan diversas e singulares que xa lles valeron acordos con varias multinacionais, como Cargill Europe. No caso da estadounidense Nutraceutical Welness Inc. xa traballan xuntos para a incorporación dos biosurfactantes na formulación dos seus produtos capilares e coa empresa italiana PER Spa existe un acordo de licenza de patente para a aplicación destes extractos no sector medioambiental.

No caso dos produtos capilares, os biosurfactantes do grupo EQ10 xa demostraron a súa capacidade para mellorar e protexer a cutícula do cabelo. Estes extractos teñen tamén importantes aplicacións nas industrias cosmética e farmacéutica, xa que permiten aumentar a eficacia das formulacións. Ademais, presentan propiedades antimicrobianas contra os microorganismos patóxenos, ao tempo que favorecen o crecemento de bacterias probióticas, o que potencia o seu uso nas industrias alimentaria e agroquímica.

VASOS SANGUINEOS EN 3D

Na categoría de mellor tecnoloxía aínda non transferida pero susceptible de ser aplicada ao sector empresarial, o galardoado é o grupo de investigación Photonics4life da Universidade de Santiago de Compostela. O premio “Francisco Guitián Ojea” correspóndelle ao seu proxecto para fabricar modelos 3D capaces de reproducir sistemas biolóxicos sobre os que estudar patoloxías ou testar fármacos de xeito máis fiable.

Photonics4life USC.

A proposta do grupo da USC consiste en elaborar estes modelos mediante tecnoloxía láser 3D, que fai posible unha fabricación rápida e moi precisa, cun custo menor en relación a outras técnicas e coa opción de usar como base diferentes materiais, como vidros, polímeros ou materiais flexibles. Ademais, o láser permite obter estruturas con dimensións desde a micra ata o milímetro, de maneira que se pode reproducir desde un diminuto capilar sanguíneo ata unha bifurcación coronaria.

A construción do prototipo dun vaso sanguíneo é un exemplo claro das posibilidades desta tecnoloxía. Contar cun modelo 3D destas características permite o cultivo celular nas súas paredes para realizar estudos preclínicos no laboratorio sen necesidade de experimentación animal. O estudo das patoloxías cardiovasculares, da deposición das células tumorais circulantes no sangue ou do comportamento dos fármacos é moito máis preciso con estes dispositivos que cos cultivos convencionais en dúas dimensións.

O grupo destaca que a súa principal vantaxe competitiva sobre outras solucións similares no mercado, ademais da personalización e o baixo custo, é que completa a súa tecnoloxía con métodos de simulación numérica que permiten coñecer con total exactitude o comportamento que terán os fluídos a través da estrutura fabricada. Isto, que fai posible optimizar o deseño antes da fabricación para garantir que o modelo responde ás necesidades dos usuarios finais, é un dos motivos polos que investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e da Universidade Complutense de Madrid acudiron a eles para obter solucións que non lograban no mercado.

Ademais das aplicacións no ámbito biomédico –estudo de patoloxías cardiovasculares, estudo personalizado de tumores, validación de fármacos e curación de feridas crónicas–, as estruturas 3D poden usarse para a detección de contaminantes en carburantes ou no estudo das dinámicas de fluxo de petróleo e gasolina.

UN MERCADO DE 5.200 M€ PARA 2021

A spin-off da Universidade de Vigo Alén Space é a galardoada co premio “Ricardo Bescansa Martínez” como mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía. A súa aposta temperá pola fabricación de nanosatélites permítelles estar ben posicionados nun mercado que se prevé que alcance os 5.200 millóns de euros no ano 2021.

Alén Space naceu para comercializar os resultados da Agrupación Estratéxica Aeroespacial da UVigo, creada para o deseño e fabricación do primeiro nanosatélite español, o Xatcobeo, lanzado ao espazo en 2012. A finais de 2018, puxo en órbita o Lume-1, un satélite que apoia a loita contra os incendios. Na experiencia do equipo científico que está detrás da empresa figura a colaboración con misións espaciais da NASA e da Axencia Espacial Europea (ESA).

Os nanosatélites que fabrica esta spin-off permiten acceder a datos e comunicacións que ata hai pouco só estaban ao alcance de gobernos e grandes axencias espaciais. Os custos destes pequenos dispositivos poden ser ata cen veces menores que os dos satélites convencionais, por iso son asequibles tamén para empresas. Ademais, Alén Space garante os máis rigurosos niveis de calidade, baixo os estándares da ESA.

Aínda que están abertos a outras necesidades, a experiencia de Alén Space céntrase no ámbito das comunicacións, polo que os seus nanosatélites están especializados no seguimento de barcos e avións, na detección de interferencias e emisións ilegais e na conexión en lugares remotos de sensores que fan posible a internet das cousas (IoT).

O proceso de transferencia da tecnoloxía de nanosatélites da Uvigo mediante a creación de Alén Space fíxose co apoio do programa Ignicia de GAIN. A empresa foi galardoada este ano na sección española do Concurso Internacional de Innovación e Emprendemento de China e foi seleccionada para Astropreneurs, o programa internacional de aceleración de startups do sector espacial.