As obras do acceso ferroviario ao porto ferrolán xa están no ecuador

A conselleira do Mar visitou as obras da rede interior do ferrocarril e do acceso ferroviario ao porto exterior de Ferrol-San Cibrao.
A escavación do túnel do acceso ferroviario que une Caneliñas e A Graña xa estea practicamente rematado. As dúas bocas desta infraestrutura, de máis de 5.500 metros de lonxitude, xa están conectadas e só queda pendente a súa adecuación, impermeabilización e revestimento.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe as obras do acceso ferroviario ao porto exterior impulsadas pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, onde salientou que os traballos -que contan cun orzamento de preto de 100 millóns de euros- se atopan xa no ecuador. Neste sentido, lembrou que está previsto que as actuacións rematen no segundo semestre de 2023, polo que urxiu ao Goberno central a adoptar medidas para evitar que a folga do transporte e a guerra en Ucraína provoquen retrasos nos prazos.

A titular de Mar comprobou a evolución das obras xunto ao presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, co que salientou que esta é unha obra chave para que o porto ferrolán poida atraer novos tráficos, aumentar a súa actividade e ser competitivo nun contexto cada vez máis global.

Rosa Quintana, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, congratulouse porque a escavación do túnel do acceso ferroviario que une Caneliñas e A Graña xa estea practicamente rematado. As dúas bocas desta infraestrutura, de máis de 5.500 metros de lonxitude, xa están conectadas e só queda pendente a súa adecuación, impermeabilización e revestimento.

“Estamos no ecuador da obra, pero tamén é certo que esta primeira parte era a máis lenta, laboriosa e complicada, polo que xa temos andado un importante camiño”, explicou a representante da Xunta, que lembrou que agora, fóra do túnel, o próximo fito será a construción da ponte sobre a enseada da Malata. Esta infraestrutura, detallou, é de 750 metros de lonxitude, dos que 300 metros discorren sobre a ría de Ferrol, e os traballos está previsto que comecen en maio.

REDE FERROVIARIA 

A conselleira tamén visitou a primeira das tres obras previstas na rede ferroviaria interna do porto exterior, que se están a realizar de xeito paralelo ao acceso ferroviario e que contan cun orzamento de 7 millóns de euros. Rosa Quintana comprobou os avances nos traballos para a conexión co acceso ferroviario e o ramal de vías da terminal intermodal, que dará servizo, entre outras, ao tráfico de contedores. Esta terminal, lembrou, contará con dúas vías para carga e descarga e outra de apoio, ampliables a un maior número en caso de que fosen necesarias no futuro.

Esa é a fase 1 da rede interna, á que se engade a fase 2, coa execución do segundo ramal ferroviario que dará servizo aos operadores de graneis sólidos e líquidos. A terceira e última fase consiste en complementar a terminal intermodal con instalacións para o almacenamento das mercadorías que cheguen por transporte ferroviario. A titular de Mar detallou que as fases 1 e 2 xa están en execución e que a fase 3 está previsto que comece proximamente, co que o obxectivo é que a rede ferroviaria interna estea completada en outubro deste ano.

Estas obras, salientou Rosa Quintana, contribuirán ao desenvolvemento do porto e a dotalo das mellores infraestruturas para que poida medrar, captar novos tráficos e facerse atractivo para determinados operadores portuarios, como o tráfico de contedores. A conselleira incidiu en que a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao logrou aguantar malia a crise pola covid-19 e a perda de tráficos importantes como o carbón e que está preparada para afrontar os retos de futuro. Iso, concluíu, permitiralle facer máis competitivo o porto de Ferrol e converter Galicia, xunto co resto de portos da comunidade, nun referente do transporte de mercadorías por mar tanto en España como en Europa.