jueves. 20.06.2024

O presidente do Consorcio de Santiago e alcalde da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado do vicepresidente e conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e da xerente do organismo interadministrativo, Belén Hernández, presentaron esta mañá as principais liñas da “Proposta estratéxica plurianual do Consorcio de Santiago para o período 2021-2027-2032”, refrendada o domingo polo Real Padroado.

Entre os proxectos estrela desta planificación estratéxica está a xestión de fluxos na cidade histórica, cun investimento previsto de 30 millóns de euros. Neste eido, trátase de actuar sobre todos os fluxos que se moven no casco histórico (vehículos, mercadorías, auga, peóns… e xestión de infraestruturas como iluminación  e comunicacións) para que non afecten á conservación do patrimonio. Existen varias propostas como a implantación da xeotermia en mazás veciñais -tal como se fixo na Ala Sur do conxunto de San Domingos de Bonaval-, incorporar células de captación solar nas tellas, que nas arquetas se poidan engadir todas as infraestruturas dunha soa vez…

VEHÍCULOS SOSTIBLES PARA O REPARTO

Pero, sen dúbida, no marco desta xestión de fluxos, a iniciativa máis relevante será o deseño dun modelo de reparto que contribúa a evitar a entrada de vehículos pesados na cidade histórica. Así, vaise crear un centro loxístico robotizado, que previsiblemente se instale nunha finca propiedade do Concello en Meixonfrío. A este centro chegarán todas as mercadorías, que logo se repartirán ao longo do día en varios vehículos eléctricos sostibles de pequeno tamaño e vehículos sen condutor, cos que xa se van facer probas nos vindeiros meses. Esta iniciativa ten un investimento previsto de 7 millóns de euros. Santiago converteríase así na primeira cidade histórica en acometer un proxecto desta envergadura. “É intolerable que na cidade histórica entren vehículos de elevada tonelaxe porque afecta aos pavimentos, en ocasións tamén producen danos nos propios inmobles e ofrécese unha mala imaxe da cidade” -declarou o alcalde-.

2 POLOS

Outro dos proxectos relevantes é a recuperación de parte dos edificios do antigo Hospital Psiquiátrico de Conxo e todo o seu contorno como Polo de Formación Profesional Biosanitaria. “Aprovéitase así o potencial de Santiago neste campo para reforzalo como sector punteiro. Son unhas 25 hectáreas que nos van permitir completar a formación da cidade neste eido, xunto á facultade de Medicina, a Escola de Enfermería, o Complexo Hospitalario e o FP sanitario de Lamas de Abade, creando un centro integral de formación” -sinalou o alcalde-.

Con esta mesma filosofía de recuperación e utilización de espazos patrimoniais infrautilizados, crearíase o Polo Audiovisual de Galicia, que se localizaría no Instituto Galego de Información, unha vez acometida a adquisición e rehabilitación do edificio, e que permitirá fortalecer o sector cultural galego en xeral e o audiovisual en particular.

SÉCULO XXI

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, puxo de manifesto que “este plan vai mellorar Santiago cunha perspectiva integral, ao tempo que se porá en valor o Xacobeo, potenciando os Camiños de Santiago como principal recurso cultural de Galicia. E suporá un beneficio para toda a comunidade”.

Pola súa parte, o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, resaltou que “con este plan queremos construír o Santiago do século XXI, capaz de ofrecer aos cidadáns unha mellor calidade de vida e fixar ás xeracións futuras”. Nesta liña, apuntou a necesidade de “dar un salto cualitativo: ademais do recinto amurallado, debemos reordenar os espazos perimetrais e as zonas verdes e conectalas coa cidade histórica”. Referiuse a todo o espazo que vai desde San Caetano ata a Alameda, tendo a Praza de Galicia como punto central e que requirirá unha intervención especial na que se está a traballar, cunha proba piloto que se expandirá como modelo ao resto da cidade.

Este proxecto “Dobre anel” propón, nun primeiro ámbito de intervención, reordenar todos os espazos perimetrais da améndoa, principalmente o eixe San Roque – Virxe da Cerca – A Senra – Rodrigo de Padrón, coa praza de Galicia como nodo central. O segundo anel sería o formado polos espazos verdes, con actuacións previstas nesta década na Alameda, o Campus Sur, os terreos do Xardín Botánico e Brañas de Sar. Tamén se prevé potenciar a rede de sendeiros que vencellan todos os espazos deste anel verde xunto cos corredores fluviais do Sar e o Sarela, que definen o territorio natural máis próximo á cidade. E, por último, proponse actuar nos dous corredores que conectan os dous aneis, a rúa do Hórreo e a rúa do Sar; a rúa do Hórreo conecta a intermodal coa praza de Galicia e con toda a cidade histórica; e a rúa do Sar une a cidade histórica cos espazos verdes e coa Cidade da Cultura, o que permite ofrecer novos atractivos turísticos que poidan reducir a presión no centro, integrando ademais a Colexiata de Sar como conexión entre a cidade histórica e a Cidade da Cultura.

'COMPOSTELA CULTURAL ÁREA'

O proxecto “Compostela Cultural Area” busca utilizar os espazos patrimoniais dispoñibles, xunto con outros infrautilizados ou que se poidan xerar en áreas periféricas da cidade, como base de novas dotacións e propostas culturais, de residencias de artistas internacionais e de intercambios culturais. Trátase de crear produtos culturais ligados ao patrimonio, xerando fluxos turísticos que desconxestionen as zonas máis saturadas, dando lugar a un turismo de máis calidade e que alongue a súa permanencia na cidade. E xerar festivais consolidados para os anos entre Xacobeos.

Tamén no eido cultural, continuarase co apoio á Real Filharmonía de Galicia e a Escola de Altos Estudos Musicais, a edición de publicacións vencelladas a Santiago, as exposicións na Casa do Cabido, a dixitalización de fondos fotográficos, xunto á dixitalización de todas as publicacións coeditadas polo Consorcio. Preténdese ademais desenvolver actividades divulgativas entre os veciños e realizar programas de difusión con nenos.

A xerente do Consorcio, Belén Hernández, salientou que, “se queremos levar a bo porto esta ambiciosa proposta e aproveitar os Fondos Next Generation, precisamos reforzar a estrutura organizativa do Consorcio, que nestes intres se eleva a 18 traballadores”. E indicou que “o Consorcio seguirá a traballar polo patrimonio e a cultura pero entendido o patrimonio como un concepto que evoluciona para que Santiago siga a ser un referente internacional”.

O Consorcio deseña o Santiago do século XXI