O cemiterio da Orde Terceira Franciscana en Santiago, aberto ao público
No marco do programa de restauración de monumentos do
Consorcio de Santiago, o organismo levou a cabo as obras de acondicionamento do
cemiterio da Orde Terceira Franciscana para a súa apertura ao público. A
empresa encargada desta intervención foi Obras
Gallaecia, S.L., por un importe global de 40.979,90 euros.
O cemiterio atópase
no Campiño de San Francisco, adosado á parte traseira da igrexa da Orde Terceira e ten acceso
desde o propio campiño por unha porta con reixa situada no sur do muro da casa
reitoral-sacristía. Está pechado por un muro de pedra. Polo seu lado leste
linda coa casa reitoral e coa igrexa, polo sur coa costa de San Francisco e ao
leste e oeste coa horta-xardín do convento de San Francisco.
Na parte meridional
da igrexa da Orde Terceira localízase a entrada do seu antigo cemiteiro. Nas
lápidas dos seus panteóns atópanse nomes de diferentes familias compostelás.
Unha parte do cemiterio contén tumbas dos franciscanos do convento. Trátase dun
recuncho practicamente descoñecido da cidade que agora se pretende recuperar e
facelo visitable.
O responsable deste
proxecto é o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago Xosé Allegue. Explica que con esta actuación
buscábase mellorar a conservación do cemiterio. “A falta de mantemento facía que
presentara problemas
de crecemento incontrolado de vexetación, dificultades de escorrentía das augas
pluviais e suciedade, xunto a intervencións desordenadas
que alteraban a coherencia construtiva e histórica do conxunto. No que se
refire á xardinería, a maioría das especies vexetais foran plantadas sen seguir
ningún criterio nin de selección das especies nin no relativo á súa localización”. Así, tal como indica o arquitecto, “tratábase de acondicionar
o cemiterio a través da limpeza dos elementos
de pedra existentes no mesmo, a mellora dos
pavimentos e a reordenación das especies vexetais”.
INTERVENCIÓNS
O arquitecto do Consorcio sinala que, entre as intervencións realizadas,
colocouse unha placa de bronce na entrada do cemiterio, con indicación dos
horarios de apertura ao público, e instalouse iluminación en todo o conxunto. Por
outro lado, restaurouse a reixa de entrada e demoléronse os tabiques laterais
de ladrillo. Mellorouse a carpintería de acceso á sacristía e pintáronse os
paramentos revocados.
O pavimento de pedra mellourouse, empregando lousas vellas con xuntas
abertas para facilitar o crecemento da herba. A escalinata limpouse e consolidouse.
E na plataforma inferior reordenáronse os pavimentos, respectando as laudas
existentes. Ademais, tamén se limpou o monumento central e as liñas de nichos.
E colocouse unha varanda tanto na plataforma superior como na escaleira.
En canto á vexetación, cortouse a acacia negra situada na entrada debido
a que o seu sistema radicular estaba a danar o edificio. Tamén se eliminaron as
sebes de buxo que se atopaban en mal estado e plantouse céspede. Fíxose unha poda
xeneralizada de todas as especies arbóreas, ao tempo que se plantaron novas árbores.