Medio Rural promete máis controis ante Mercosur e unha ofensiva de promoción dos produtos galegos

A conselleira María José Gómez reuniuse esta mañá en Ourense con representantes da Asociación do Sector Primario de Galego, no marco dos contactos que mantén cos produtores da nosa comunidade.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, comprométese a reforzar os controis e esixir reciprocidade sanitaria ante o acordo UE–Mercosur, ademais de impulsar unha estratexia de promoción dos produtos galegos coa distribución. A Xunta levará tamén o debate á futura PAC na comisión do Consello Agrario prevista para este venres.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, comprometeuse este mércores a incrementar os controis sobre as importacións vinculadas ao acordo entre a Unión Europea e Mercosur e a esixir que calquera produto que entre en España cumpra os mesmos requisitos sanitarios que xa se aplican aos produtores comunitarios. Ademais, avanzou que a Xunta deseñará unha estratexia para reforzar a promoción dos produtos galegos, especialmente os de calidade diferenciada, e que para iso convocará representantes da distribución, ao considerar este elo “esencial” na cadea de valor.

Infografía DL-G.

As declaracións producíronse nunha reunión en Ourense con representantes da Asociación do Sector Primario de Galicia, na que tamén participou o delegado territorial da Xunta na provincia, Manuel Pardo. O encontro enmárcase na rolda de contactos permanentes co sector e dá continuidade ao xa celebrado co mesmo colectivo o pasado 5 de xaneiro.

Escoita ao sector e máis inspeccións en fronteira

No marco das demandas do sector, Gómez insistiu en reclamar que a reciprocidade sanitaria e de garantías se traduza en máis inspeccións en fronteira, unha competencia que, segundo remarcou, corresponde ao Goberno central. No mesmo sentido, subliñou a necesidade de incluír e asegurar cláusulas de salvagarda no acordo, para poder activar mecanismos de protección se se producen desequilibrios no mercado.

A axenda institucional continuará coa vista posta en Mercosur e nas consecuencias para o agro galego: mañá está prevista outra xuntanza con gandeiros en Lugo e o venres celebrarase a primeira reunión da comisión de traballo sobre a futura PAC no seo do Consello Agrario, na que tamén se abordará este asunto.

PAC post 2028: alerta polo recorte de fondos

No capítulo comunitario, a conselleira apoiou a simplificación e redución de burocracia na Política Agraria Común, pero advertiu de que a proposta da Comisión Europea para a PAC post 2028 “non é boa” para o sector galego ao implicar recorte de fondos e a posible perda dos dous piares actuais (axudas directas e desenvolvemento rural). A Xunta, dixo, manterá esta postura ante o Ministerio e en Bruxelas, e será o tema principal do Consello Agrario do venres.

Sanidade animal: mensaxe de tranquilidade pola DNC

En materia de sanidade gandeira, Gómez reafirmou o compromiso de manter o estatus sanitario da cabana galega e lanzou unha mensaxe de tranquilidade en relación coa dermatose nodular contaxiosa (DNC), lembrando que en España os focos se sitúan en Girona. Tamén pediu ao Ministerio máis coordinación estatal e medidas harmonizadas, así como avanzar nunha vacina “marcada”, revisar a catalogación da enfermidade e prever indemnizacións adecuadas se houbese afectados.