Medio Rural impulsa unha Escola de Pastores para profesionalizar o manexo de ovino e caprino en Galicia
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, porá en marcha unha Escola de Pastores en colaboración coa Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica) e coa participación da Fundación “la Caixa”. O proxecto presentarase mañá no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde, en Xinzo de Limia.
Trátase dunha formación oficial que incorpora contidos específicos sobre pastoreo e que se estruturará en dúas partes: unha fase teórica de 250 horas sobre aptitude empresarial agraria especializada e unha fase práctica de 320 horas. O programa desenvolverase entre os meses de marzo e xullo e, nun segundo período, de setembro a outubro.
Grazas á colaboración dos gandeiros de Ovica, o alumnado poderá realizar prácticas en granxas situadas en diversos concellos da provincia de Ourense: A Gudiña, A Mezquita, Baltar, Castrelo do Val, Chandrexa de Queixa, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Os Blancos, Riós, Sarreaus, Trasmiras, Verín, Viana do Bolo, Vilar de Barrio, Vilardevós, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia.
Desde Medio Rural destacan que esta oferta formativa busca favorecer a incorporación de profesionais ao pastoreo e, ao tempo, potenciar a cría en extensivo, unha modalidade que contribúe a crear unha barreira natural fronte aos incendios forestais e a promover un monte xestionado e produtivo.
A Escola de Pastores nace, ademais, coa vontade de transmitir coñecemento técnico e experiencia real, profesionalizar o manexo do gando ovino e caprino, mellorar a rendibilidade das explotacións e reforzar a produción de alimentos de calidade vencellados ao territorio.