Máis de 800 persoas xa votaron nos Premios Benfeito de Consumo promovidos pola Unión de Consumidores de Galicia

Premio Benfeito de Consumo.
A UCGAL quere lembrar que as votacións estarán abertas ata o próximo 13 de setembro.

Dende a apertura das votacións para os Premios Benfeito de Consumo a finais do mes de xullo, máis de 800 persoas xa fixeron oír a súa voz participando no proceso. Os premios, que buscan recoñecer a excelencia e innovación das empresas galegas, están a ter unha acollida moi positiva entre a cidadanía.

A UCGAL quere lembrar que as votacións estarán abertas ata o próximo 13 de setembro. “É fundamental que a cidadanía participe activamente, xa que son eles e elas as que deciden que empresas merecen ser destacadas polo seu compromiso coas persoas consumidoras na nosa comunidade”, explica o secretario xeral da UCGAL, Miguel López Crespo.

Entre todas as persoas que participen no proceso de votación e completen a enquisa, sortearanse dúas cestas de produtos galegos valoradas en 100 € cada unha.

Para participar, só teñen que entrar na ligazón e votar polas súas empresas favoritas.

Cada voto conta e é esencial para garantir que os Premios Benfeito de Consumo reflictan de maneira fiel as opinións da nosa sociedade. Desde a UCGAL agradecen a alta participación e boa acollida desta iniciativa: “É alentador ver como, en menos dun mes, os galegos e galegas mostran o seu compromiso coas empresas galegas, participando activamente nos Premios Benfeito de Consumo”, engade López Crespo.

Para máis detalles sobre os Premios Benfeito de Consumo ou calquera consulta, poden visitar a web www.consumidores.gal ou contactar coa Unión de Consumidores de Galicia no 981 56 64 11.