viernes. 29.03.2024

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do Programa comunitario "Erasmus+", para o alumnado do Sistema universitario de Galicia que participa en Erasmus Estudos no curso 2019/2020, que conta cun orzamento de 1.517.000 euros. Deste xeito, todos os estudantes galegos que tiveran dereito ás axudas europeas poderán ter acceso tamén ás axudas complementarias autonómicas.

A duración das axudas e a súa contía pode ser de 125 euros/mes, 165 euros/mes ou 195 euros/mes, en función dos países de destino. Cómpre lembrar que a convocatoria galega contempla axudas para estancias de ata nove meses, o que complementa as axudas europeas, que se limitan a sete meses de duración.

Tal como queda reflectido na convocatoria, a solicitude da axuda deberá realizarse exclusivamente por medios telemáticos, a través de calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal), incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). O prazo para tramitar as solicitudes estará aberto desde mañá ata o día 3 de febreiro.

No curso 2018/19 beneficiáronse destas bolsas a totalidade dos alumnos solicitantes que participaron no programa Erasmus Estudos, que foron total de 1.154 estudantes.

CONTÍAS MESUAIS

Os universitarios beneficiados percibirán bolsas que oscilan entre os 125 e os 195 euros/mes (que se suman ás axudas europeas), en función do país de destino, durante a estadía que pode durar entre os tres e os nove meses. En concreto, o importe será de 195 euros/mes para os países de destino do grupo 1 (Dinamarca, Irlanda, Islandia, Finlandia, Suecia, Reino Unido, Liechtenstein, Luxemburgo e Noruega), de 165 euros/mes para os do grupo 2 (Bélxica, Alemaña, Austria, Grecia, Francia, Italia, Malta, Chipre, Países Baixos e Portugal) e de 125 euros/mes para os do grupo 3 (República de Macedonia do Norte, Bulgaria, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia, República Checa, Romanía, Serbia e Turquía).

Para solicitar a bolsa o estudante deberá estar matriculado no curso 2019/20 en calquera das universidades públicas do SUG, para realizar estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao; e participar no devandito programa de mobilidade universitaria, sendo tamén beneficiario da axuda do programa Erasmus+ xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación. Non poderán optar á axuda os que xa gozaran dela en convocatorias anteriores e mais o alumnado que, con nacionalidade distinta á española, realice a mobilidade nos seus países de orixe.

Estas axudas enmárcanse dentro das iniciativas do Goberno galego a prol dun sistema educativo de calidade e con igualdade de oportunidades independentemente dos recursos económicos das familias. Así, a Consellería de Educación apoia aos estudantes para que poidan completar os seus estudos universitarios fóra do territorio español; e favorece un ano máis a mobilidade estudantil, no sentido de adquirir, actualizar, completar e ampliar as súas capacidades, coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias para o seu desenvolvemento persoal e profesional.

Educación convoca as axudas complementarios do programa Erasmus+ para o presente curso,...