cun investimento de más de 4 millóns de euros e 179 beneficiarios

O DOG publica a resolución das axudas para restaurar e reconverter 315 hectáreas de viñedo

O obxecto desta liña é aumentar a competitividade dos produtores vitivinícolas, mellorar os sistemas de produción sustentables e a pegada ambiental deste sector produtivo.
Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe as resolucións polas cales se destina algo máis de 4 millóns de euros a 179 entidades e persoas beneficiarias para a reestruturación e reconversión da viña en Galicia. Este orzamento, co que se deu resposta a todas as peticións que cumprían os requisitos desta convocatoria anual, permitirá actuar nunha superficie total de 315 hectáreas.

O obxecto desta liña de achegas é aumentar a competitividade dos produtores vitivinícolas, mellorar os sistemas de produción sustentables e a pegada ambiental deste sector produtivo. Así, preténdese diminuír os custos das explotacións e apostar polo seu redimensionamento ao levar a cabo reaxustes estruturais. Tamén se fomenta a adaptación das variedades ás demandas do consumidor, ao tempo que se preservan as viníferas autóctonas galegas, de menores rendementos e elevada calidade diferenciada, aproveitando así a gran vantaxe competitiva que supón a súa diferenciación no mercado.

Deste xeito, a través destas achegas aumenta o grao de profesionalización do sector vitícola galego, ao tempo que se potencia a remuda xeracional e un desenvolvemento rural socialmente viable facilitando o acceso ás explotacións de persoas viticultoras mozas e capacitadas, en particular das mulleres viticultoras de Galicia.

Trátase dunha liña de achegas estratéxica, que ten como fin a reconversión do viñedo para poder dar viabilidade as explotacións existentes con variedades autóctonas resistentes ás condicións climáticas, que produzan viño de calidade.

Ligazón ás resolucións no DOG: resolución 1 y resolución 2