A Deputación de Pontevedra apoia os Premios Mil Primaveras polo fomento do galego
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, participou este sábado no Pazo da Cultura de Pontevedra na entrega dos Premios Mil Primaveras. Estes galardóns, organizados pola Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) en colaboración coa institución provincial, recoñeceron a catro proxectos destacados no fomento e prestixio da lingua galega.
Os premiados nesta edición foron os xogos de mesa Brazolinda, o proxecto audiovisual Galego para peques, a investigación “Modo galego, actívao!” da RAG e o Concello de Ames, e o proxecto “Vitamina G” do CEIP Sagrada Familia da Coruña.
Un compromiso coa identidade e o futuro do idioma
Rafa Domínguez destacou o compromiso da Deputación co idioma. “Na Deputación cremos na necesidade de poñer en valor o noso idioma, de reivindicar a súa importancia como símbolo identitario do noso pobo e como o vehículo da nosa comunicación no día a día”, afirmou. Por iso, asegurou que a institución seguirá loitando "para que ninguén lle peche as portas á nosa lingua, para que esas mil primaveras máis que acuñou en 1980 Álvaro Cunqueiro, no famoso discurso que pronunciou en Vigo, sexan menos un desexo e máis unha realidade”.
A colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a CTNL nestes premios subliña o esforzo conxunto para promover o uso e o prestixio do galego, buscando que o idioma siga florecendo e sendo parte esencial da vida cotiá e da identidade galega.