A Deputación inviste preto de 40.000 euros na mellora enerxética da Casa do Pobo de Caroi
O deputado provincial Javier Tourís asistiu este sábado ao acto de inauguración das obras realizadas na Casa do Pobo de Caroi, no concello de Cerdedo-Cotobade, destinadas á mellora da eficiencia enerxética deste inmoble municipal. A actuación contou cun investimento de preto de 40.000 euros achegados pola Deputación de Pontevedra con cargo á liña de investimentos do Plan +Provincia.
Os fondos permitiron financiar parte das obras de rehabilitación da antiga Casa-Escola de Caroi, reconvertida na actualidade en centro sociocultural ao servizo da veciñanza. Segundo explicou Tourís, a intervención permitiu resolver diversos problemas estruturais e funcionais que presentaba o edificio, como filtracións e humidades na fachada sur, a ausencia de rotura de ponte térmica e de dobre acristalamento nas carpintarías, a falta de illamento térmico que provocaba condensacións, a inexistencia dunha instalación térmica ou a obsolescencia do sistema de depuración de augas.
Entre as actuacións executadas destacan a substitución da folla interior de ladrillo por un revoco na cara interior do muro de granito, a creación dunha canle de recollida de condensacións, a renovación da carpintaría por unha nova de aluminio lacado branco con rotura de ponte térmica e dobre acristalamento de baixas emisións, a instalación dunha estufa de pellets con canalización de aire e a mellora do sistema de depuración de augas, dentro dun proxecto global de modernización da infraestrutura.
Durante o acto, Javier Tourís lembrou que no ano 2025 o concello de Cerdedo-Cotobade recibiu máis de 850.000 euros a través do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra. O deputado puxo en valor este programa, ao que cualificou como “o plan estrela da Deputación”, e asegurou que o +Provincia representa “a esencia do noso municipalismo, ao inxectar recursos nos concellos para que poidan desenvolver os seus proxectos con total autonomía e coa certeza de contar neste goberno cun aliado”.