A Xunta vén de aprobar a creación de 24 prazas de funcionarios para garantir a entrada en funcionamento dos tres novos xulgados do Social, o nº 7 da Coruña, o nº 4 de Lugo e o nº 7 de Vigo o 31 de marzo.
Cada xulgado contará cun cadro persoal de 2 xestores, 4 tramitadores e 2 auxilios co obxectivo de asignar a estes órganos xudiciais dos postos necesarios para dotalos dunha plantilla suficiente para desenvolver as súas funcións. Isto supón en total 6 prazas de xestores, 12 de tramitadores e 6 de auxilios, (tal e como o Goberno galego informou ao Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), ao que remitiu a solicitude de informe para a súa creación. O nomeamento de xuíces, fiscais e letrados da Administración depende do Ministerio de Xustiza.
A Xunta investirá 850.000 euros na creación destes tres novos xulgados, da que a maior parte -case o 85% con máis de 722.000 euros- corresponde ao custo do persoal. Ademais, o investimento completarase coa dotación de mobiliario e material informático.
A posta en marcha destes xulgados foi aprobada polo Ministerio de Xustiza tras a petición da Xunta consensuada co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a través da Comisión Mixta de Xustiza. O Goberno central aceptou este ano a creación dos tres tribunais propostos, mentres que en 2019 a Xunta xa reclamara novos xulgados en Vigo, Santiago de Compostela e Lugo e o Ministerio só aceptara os dous primeiros.
Os tres órganos comezarán a funcionar o 31 de marzo, tal e como deu traslado o pasado mércores o Ministerio de Xustiza, só dous días despois de que a Xunta manifestara o seu desacordo pola decisión que unha semana antes –o 2 de febreiro- o Goberno central tomara para adiar a súa entrada en funcionamento tres meses ata o 30 de xuño.
A Xunta considera prioritario a posta en funcionamento destes órganos xudiciais para axilizar e aliviar a carga de traballo da xurisdición do Social, que atende casos de Ertes ou despidos e, polo tanto, de relevancia para as familias afectadas polas consecuencias económicas da covid-19.Imaxes relacionadas