viernes. 12.07.2024

O Grupo de Investigación de Románicas da Universidade de Santiago aborda diferentes liñas de estudo vencelladas coa Idade Media. A catedrática de Filoloxía Románica Elvira Fidalgo céntrase dun xeito moi particular nas Cantigas de Santa María de Afonso X O Sabio, campo no que está especializada e no que leva afondando desde hai máis de tres décadas. Nestes intres está a traballar nunha nova edición crítica das cantigas, que estará acompañada dunha tradución ao galego actual, en colaboración co Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

codice
códice

A investigadora ten estudado esta obra en todos os seus aspectos: a edición dos textos, a análise da súas formas métricas, o léxico empregado para a súa redacción, o que tería sido o seu público receptor, o proceso de creación ou a análise da sociedade medieval que se reflicte nos seus versos. “Esta é unha das peculiaridades desta obra porque, como se trata de textos narrativos, onde se contan feitos que lle podían pasar a calquera persoa na Idade Media, sen distinción de clases sociais, de lugares ou de etnias, ofrécenos un debuxo perfecto da vida e costumes das xentes do século XIII” -indica-.

Elvira Fidalgo, catedrática responsable destas traducións.
Elvira Fidalgo, catedrática responsable destas traducións.

A catedrática xa realizou recentemente a primeira tradución completa ao castelán que existe destes textos, dispoñible en formato electrónico na web da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes (www.cervantesvirtual.com). A súa finalidade é facilitar a comprensión destas composicións aos investigadores que non están familiarizados co galego medieval (nin co galego) e que as usan como soporte para as súas investigacións nos campos máis diversos.

Unha ferramenta dixital permitirá obter información dos textos como a explicación dos topónimos ou de personaxes históricos

Na actualidade, Elvira Fidalgo está a elaborar unha nova edición crítica das cantigas desde a proposta das normas ortográficas do galego actual. Tanto a edición como a tradución ao galego estarán accesibles na páxina web do Centro Ramón Piñeiro, onde tamén se aloxará un recurso electrónico (e-Strela) que facilitará a investigación aos estudosos que desexen coñecer os detalles máis precisos das Cantigas de Santa María, achegando así mesmo a obra ao público menos especialista. “É a primeira vez que se realiza a tradución completa desta colección tanto ao castelán como ao galego porque son moitísimas cantigas -427- e porque, debido á estrutura que seguen, cómpre descompoñer e recompoñer as estrofas para que se comprendan ben os textos” -explica a experta-.

romero_de_Santiago
Romero de Santiago.

“O estudo e a investigación na literatura medieval teñen que adaptarse aos tempos actuais. Por iso, a combinación de manuscritos medievais e das Humanidades Dixitais é imprescindible na nosa labor de investigación e de difusión do coñecemento adquirido”        -salienta a investigadora-. Nesta liña, cada unha das cantigas editadas, irá acompañada non só da tradución ao galego senón que tamén irá apoiada na súa correspondente transcrición paleográfica, o que permitirá aos usuarios coñecer como se copiou ese texto en cada un dos manuscritos, con que trazos ortográficos e caligráficos. Esta ferramenta será de interese e grande utilidade tanto para os investigadores ou estudosos especializados como para calquera lector, que poderá obter información moi diversa que se extrae destas composicións como a explicación dos topónimos e da súa importancia no texto, de personaxes históricos, de casuísticas sociais particulares, de termos arcaicos... e así, dun xeito moi sinxelo, poderá comprender mellor e máis amplamente o texto que está a ler.

Elvira Fidalgo: “As páxinas destes manuscritos son un campo de estudo inesgotable”

“As páxinas destes manuscritos son un campo de estudo case inesgotable, aínda queda moitísimo por estudar por parte de filólogos, historiadores e musicólogos. A variedade de temas que tratan fai que se poidan abordar os aspectos máis diversos, desde a sociedade, a situación das mulleres, as profesións, os espazos… ata a simboloxía dos animais presentes nos seus versos” -declara Fidalgo-. Resalta que as Cantigas de Santa María é a única colección de milagres da Virxe escrita en galego-portugués, “unha obra única en Occidente”. En 1992 xa lle dedicou a súa tese de doutoramento. Daquela indagou na composición dos distintos textos, tan similares entre eles, pero con diferenzas específicas que permitían establecer grupos diferenciados. “Cheguei á conclusión de que a composición dos textos individuais respondía á mecánica da composición dos sermóns que forman parte da liturxia, pero que se encaixan no modelo da canción amorosa medieval” -sinala-.

codiceT
Códice.

A experta apunta que unha das moitas singularidades destas cantigas é que están escritas en galego, nun momento no que o rei Afonso X estaba a promover o uso do castelán para establecelo como lingua oficial do reino de Castela. Ademais, indica que destacan no panorama da literatura medieval románica pola riqueza dos códices que as conservan. “Por motivos estritamente persoais, Afonso X non só pretendeu facer a colección máis extensa de milagres da Virxe, senón a máis luxosa. Por esta razón, estes textos, na súa maior parte narrativos, están encaixados nun formato propio da lírica, acompañados da súa notación musical e, o que resulta máis impresionante, acompañados dunha páxina de miniaturas que representa en imaxes o que conta o texto da páxina precedente. Esta combinación de texto, música e imaxes é o que converte esta colección en única” -explica a catedrática da USC-.

Afonso X foi o impulsor deste proxecto cultural. Tal como asegura Elvira Fidalgo, “probablemente el aceptou a proposta de levar a cabo esta colección e tomaría as decisións relativas ao número e tipo de composicións, ao tipo de códices nos que se copiarían, e tería a última palabra no que respecta ao resultado final da combinación de texto, música e imaxe”. En canto aos autores, a catedrática apunta que “aínda que a día de hoxe é imposible identificar os trobadores -nin sequera en que número- que participaron na súa confección, persoalmente estou segura de que algunha das cantigas saíu da man do propio rei. Pero, do que non hai dúbida é de que moitas outras mans, cada unha especializada nun campo determinado, traballaron conxuntamente para sacar adiante esta magnífica obra, que Alfonso X apreciou de xeito particular”.

Cantigas de Santa María de Afonso X O Sabio por primeira vez en galego actual
Comentarios