martes. 23.04.2024

A Xunta de Galicia vén de duplicar as bolsas de formación en materia de museos, das que poderán beneficiarse 20 persoas, fronte ás 8 da convocatoria anterior. O orzamento destinado multiplícase tamén por 2,5, ata chegar aos 114.000€.

A finalidade das bolsas é proporcionar unha formación teórico-práctica que, engadida á formación académica, contribúa a completar o curriculum académico das persoas beneficiarias. O persoal bolseiro realizará a súa actividade en diversos museos xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e serán tutelado, dirixido e coordenado polos seus servizos técnicos.

As actividades formativas que vai a desenvolver o persoal bolseiro, dentro da documentación, son prácticas de rexistro, inventario e catalogación das pezas. No ámbito da difusión levaran a cabo prácticas de preparación de exposicións, busca de información, redacción de material divulgativo, planificación e realización de visitas guiadas, participación e colaboración en obradoiros e calquera outra actividade de difusión. Tamén poderán formarse en actividades relacionadas coa didáctica, preparación e elaboración de fichas e atención aos distintos usuarios.

Prazo aberto ata o 22 de xaneiro
Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas que dispoñan dunha titulación de grao universitario ou equivalente cunha configuración curricular na que se acredite un mínimo de 75 créditos en Historia da Arte ou Arqueoloxía.

No caso de persoas solicitantes de bolsas de formación en restauración de fondos de museos, deberán ter grao ou diplomatura universitaria en conservación e restauración de bens culturais ou equivalente, nas especialidades de Arqueoloxía ou Pintura ou escultura.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 22 de xaneiro. O importe bruto mensual a recibir por cada persoa bolseira será de 950€ e a duración da bolsa de seis meses prorrogables por outros seis.

Axudas para arquivos
A Xunta de Galicia vén tamén de publicar a convocatoria de axudas destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos. O obxectivo é a mellora dos arquivos de Galicia, garantindo unha custodia responsable e o acceso dos cidadáns aos documentos.

Concretamente, a finalidade da axuda é a realización de actividades que teñan por obxecto a descrición de fondos documentais dos arquivos galegos segundo a metodoloxía arquivística.

Poderán solicitalas os entes locais e as entidades privadas sen ánimo de lucro galegas que conten cun local estable destinado ao arquivo e custodien fondos documentais constitutivos do patrimonio documental de Galicia.

O orzamento total ascende a 145.000€ e o prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 21 de xaneiro.

Outras liñas de colaboración
A maiores das devanditas convocatorias, o Goberno galego mantén unha liña de bolsas de formación en materias de arquivos e outra de axudas a destinadas á centros museísticos galegos.

Deste xeito, o orzamento que a Xunta de Galicia destina a estas accións ascende a máis de medio millón de euros. As restantes convocatorias publicaranse no primeiro trimestre do 2022.

Bolsas de formación para especialistas en museos