domingo. 26.06.2022

Aspirantes admitidos e excluídos de especialista de atención primaria

Resultaron admitidos 347 aspirantes, dos cales, 323 participan pola quenda de acceso libre, 11 pola de discapacidade e 13 polo sistema de acceso de promoción interna. Resultan excluídos 28 aspirantes. O total de prazas convocadas neste proceso é de 106, das cales 73 corresponden a acceso libre, 6 a discapacidade e 27 a promoción interna.

Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, pola que se declaran con carácter provisional as persoas aspirantes admitidas e excluídas no proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo da categoría de facultativo especialista de atención primaria, convocado pola Resolución do 18 de abril de 2022.

Resultaron admitidos 347 aspirantes, dos cales, 323 participan pola quenda de acceso libre, 11 pola de discapacidade e 13 polo sistema de acceso de promoción interna. Resultan excluídos 28 aspirantes.

O total de prazas convocadas neste proceso é de 106, das cales 73 corresponden a acceso libre, 6 a discapacidade e 27 a promoción interna.

As listas coa relación provisional de admitidos e excluídos atópanse publicadas, ao dispor dos usuarios, na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante en Fides/expedient-e, no apartado de “Procesos”.

Os aspirantes excluídos dispoñen dun prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, para presentar reclamación dirixida á mesma Unidade de Validación á que dirixiron a instancia de participación, a través da cal poderán corrixir o defecto que motivou a súa exclusión. Este prazo finaliza o 6 de xullo.

Dispoñen do mesmo prazo de reclamación as persoas que, tendo presentado debidamente a solicitude de participación no proceso, non consten como admitidas nin excluidas na relación publicada.

A estimación ou desestimación das solicitudes de emenda entenderanse implícitas na resolución pola que se aprobe a lista definitiva de admitidos e excluídos, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Este proceso desenvólvese en execución do Decreto 38/2022, do 24 de marzo, polo que se aproba a primeira oferta de emprego público correspondente a esta categoría, creada recentemente como parte do colectivo profesional de persoal médico de familia, pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Os profesionais seleccionados desenvolverán as competencias profesionais incluídas no programa de formación de médico especialista en medicina familiar e comunitaria realizando as súas funcións tanto nos centros de saúde como nos puntos de atención continuada, que se detallan na convocatoria.

As persoas seleccionadas neste proceso, unha vez acrediten dous anos de permanencia na situación de servizo activo no desenvolvemento das funcións desta categoría, poderán participar, por promoción interna, nos procesos de selección fixa para o acceso ás categorías de médico de familia, médico de urxencias hospitalarias ou persoal médico de hospitalización a domicilio, para as que habilita a mesma titulación de acceso.

Así mesmo, transcorrido un ano desde a toma de posesión poderán participar no concurso de traslados aberto e permanente para o acceso a outros destinos da mesma categoría, dentro do Servizo Galego de Saúde.

Aspirantes admitidos e excluídos de especialista de atención primaria
Comentarios