jueves. 14.11.2024

As entidades sociais poderán solicitar desde este martes as axudas da maior convocatoria para inclusión social da historia, 18,3 millóns de euros. O Diario de Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de subvencións para financiar actividades nos vindeiros dous anos dirixidas ás persoas e familias en situación ou risco de exclusión poderán presentar a súa solicitude.

A Xunta de Galicia incrementou un 22% o orzamento desta nova orde de axudas con respecto á anterior, a de 2018-2020. Trátase da sétima vez consecutiva que se aumenta o crédito desta liña de subvencións, que está cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE) e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Se na convocatoria de 2018-2020 se financiaron 879 proxectos, a través desta nova orde estímase que se financien 1050 proxectos máis, dos que se beneficiarán 120.000 persoas ao ano, un 33% máis que na orde anterior.

Con estas axudas as entidades poderán cubrir gastos de funcionamento dos centros de inclusión e emerxencia social, así como actuacións singulares que complementen os servizos sociais básicos. Estas achegas tamén se poden destinar ao financiamento de servizos de formación adaptada; intervencións en zonas de exclusión e apoio á inclusión sociolaboral; actuacións de inclusión da poboación inmigrante e investimentos en centros de inclusión e emerxencia social.

Así mesmo, o reforzo desta orde de axudas contribuirá e axudará tamén a paliar as consecuencias que está a ter a pandemia do COVID-19 nos colectivos máis desprotexidos, como son as persoas sen fogar, en risco de exclusión ou inmigrantes. E, ademais, minimizar as súas consecuencias no futuro próximo.

PLAN

Esta iniciativa forma parte do Plan social de continxencia, que tamén inclúe medidas como o teléfono social (900 400 800), que está á disposición das persoas que teñan dúbidas básicas, que necesiten acompañamento ou atención psicolóxica; seguimento telefónico aos 14.400 usuarios de centros de día e ocupacional; reparto de comida a domicilio para os fogares que o necesitan; e un correo electrónico para a detección rápida de situacións de risco ([email protected]).

O Goberno galego tamén procedeu á exención do pagamento por parte dos usuarios das cotas das escolas infantís, centros de día e ocupacionais con financiamento público. Ademais, púxose en marcha unha axuda económica para os nenos que dispoñían dunha bolsa de comedor da súa escola infantil, colexio ou instituto, das que se beneficiarán máis de 51.000 fogares galegos, e habilitouse un Servizo de Axuda no Fogar (SAF) extraordinario por un importe de 6 millóns de euros.

Así mesmo, a Xunta adiantou preto dunha semana o pagamento da Renda de inclusión social de Galicia (Risga) do mes de abril para aliviar a economía doméstica de 10.000 familias galegas e distribuíronse preto de 400 dispositivos móbiles en residencias de maiores, persoas con discapacidade e centros de menores para facilitarlles aos residentes a comunicación coas súas familias, a través de videoconferencia.

As axudas da maior convocatoria para inclusión social da historia, 18,3 M€