Ángeles Vázquez urxe ao Goberno central a enviar a Bruxelas o Plan social polo clima para desbloquear fondos ás autonomías
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, instou este mércores ao Goberno central a remitir canto antes a Bruxelas o Plan social polo clima español, co obxectivo de que as comunidades autónomas poidan acceder ao Fondo Social polo Clima e activar financiamento para actuacións fronte ao cambio climático. A responsable autonómica lamentou, durante a súa resposta a unha pregunta parlamentaria, que o Executivo estatal non presentase aínda o plan, malia ter como prazo límite o 30 de xuño, o que está a impedir que as rexións poidan optar a estes recursos.
Vázquez criticou o que cualificou de falta de información e de respostas por parte do Goberno e advertiu de que esta situación pon en risco fondos que Galicia considera “vitais” para acelerar a transición cara a unha sociedade neutra en emisións. Neste escenario, avanzou que a Xunta recorrerá ás institucións europeas para solicitar información e reclamar que o Fondo Social polo Clima chegue ás rexións e á cidadanía que o precisa.
A conselleira lembrou que Galicia xa remitira 62 proxectos vinculados á acción climática por un importe de arredor de 2.000 millóns de euros, co obxectivo de complementar e intensificar medidas como plans de mobilidade sostible, mellora da eficiencia enerxética en edificios públicos e vivenda protexida, adquisición de vehículos híbridos e eléctricos ou taxis adaptados eléctricos no rural, entre outras iniciativas.
Advertencia de Bruxelas
Ángeles Vázquez subliñou, ademais, que a propia Comisión Europea vén alertando a España do risco de perder estes fondos e tamén de atrasos noutros compromisos, como a transposición da directiva europea sobre o novo réxime de comercio de dereitos de emisión para edificios, transporte por estrada e outros sectores, un paso clave para acceder ao Fondo Social polo Clima. Segundo lembrou, o Executivo comunitario xa enviou en 2024 unha carta de emprazamento ao Goberno central por non incorporar esa normativa, paso previo á apertura dun procedemento de infracción.
Finalmente, a conselleira contrapuxo esta situación coa folla de ruta da Xunta para situar Galicia “na vangarda climática” e acadar a neutralidade en emisións no ano 2040, dez anos antes do obxectivo xeral marcado. Nesa liña, destacou a aprobación da Lei do Clima de Galicia, validada no Parlamento a finais de xaneiro e publicada no Diario Oficial de Galicia, coa entrada en vigor prevista aos 20 días da súa publicación.