Allegue critica no Parlamento os alugueiros de Casa 47 en Vigo: “son máis caros ca a vivenda libre e moi por riba da pública da Xunta”
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asegurou hoxe no Parlamento de Galicia que as vivendas ofertadas en Vigo pola entidade estatal Casa 47 presentan prezos de alugueiro “1,4 puntos por riba” da vivenda libre na cidade e “case 7 puntos superiores” aos dos fogares impulsados pola Xunta. A titular autonómica cuestionou así a accesibilidade das 67 vivendas anunciadas por este organismo na cidade olívica.
Segundo expuxo Allegue, Casa 47 prevé un prezo de 8,8 euros por metro cadrado para estes alugueiros, fronte aos 7,4 euros/m² de media en Vigo, de acordo cos datos oficiais dos depósitos de fianzas no IGVS. En comparación coa vivenda pública promovida pola Xunta, indicou que as rendas sitúanse entre 1,2 e 2 euros/m², mentres que no caso da vivenda protexida o prezo máximo oscila entre 5 e 5,9 euros/m².
A conselleira puxo exemplos concretos: unha vivenda de Casa 47 de dous dormitorios e 79 metros cadrados tería unha renda de 805 euros ao mes; mentres que as de tres dormitorios e arredor de 93 m² alcanzarían os 887 euros.
Ante esta situación, Allegue volveu reclamar a cesión destes activos á Xunta de Galicia para que poidan cualificarse como vivenda pública con protección permanente e destinarse ao alugueiro para persoas inscritas no rexistro de demandantes, cun prezo máximo de dous euros por metro cadrado. Nese suposto, sinalou, a vivenda tipo de dous dormitorios custaría 158 euros/mes fronte aos 805 euros que fixa Casa 47, e a de tres dormitorios tería unha renda máxima de 186 euros.
A conselleira sostivo que o proxecto estatal “non responde ás necesidades reais da cidadanía”, xa que, tendo en conta que o alugueiro non debería superar o 30% dos ingresos familiares, unha familia precisaría uns ingresos netos mínimos de 2.683 euros ao mes para acceder a unha vivenda de dous dormitorios e de 2.956 euros mensuais para unha de tres habitacións.
Ademais, apuntou que o 84% das vivendas de Casa 47 esixen ingresos de polo menos 2.000 euros netos ao mes, o que —segundo destacou— deixaría fóra á maioría da cidadanía viguesa, cuns ingresos medios de 1.786 euros mensuais, segundo datos da Axencia Tributaria.
A Xunta lamentou que o Executivo estatal non estea a dar, ao seu xuízo, unha resposta axeitada ao “problema estrutural” da vivenda, e reiterou que o Goberno galego centra o seu traballo na construción e no desenvolvemento de solo, na redución de burocracia e en medidas de impulso ao sector para incrementar a oferta residencial.