Tui, epicentro da motonáutica co Campionato de España de embarcacións T850, GT60 e a estrea do GT15

Presentación do campionato de motonáutica.
Tui acelera co Campionato de España de Motonáutica: O río Miño acolle este fin de semana as categorías T850, GT60 e a estrea do GT15. Un espectáculo de velocidade e competición.

A fin de semana do 16 ao 18 de maio, Tui converterase na capital española da motonáutica coa celebración do Campionato de España de embarcacións T850 e GT60. Como gran novidade, as augas do río Miño acollerán a primeira proba do Campionato de España de GT15.

Unha ducia de pilotos participarán neste evento que comezará o vindeiro venres, 16 de maio, ás 17:00 horas coas verificacións técnicas. O sábado, a acción na auga comezará ás 11:30 horas coa clasificación, seguida de catro mangas que se disputarán ás 14:00h, 16:00h, 18:00h e 20:00h. A entrega de premios está prevista para as 21:00 horas. A competición terá lugar nas inmediacións do Club Náutico San Telmo, nas augas do río Miño.

A presentación oficial deste Campionato de España de embarcacións T850, GT60 e GT15 tivo lugar este mediodía na sede do Club Náutico San Telmo, contando coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez; o Comandante Naval do Miño, Andrés Díaz-Ripoll; o xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides; e o presidente da Real Federación Galega de Motonáutica (RFGM), Carlos Gago.

O presidente da RFGM, Carlos Gago, expresou o seu orgullo por volver celebrar este campionato en Tui, destacando o entorno, as instalacións e as facilidades ofrecidas para a organización do evento. Na competición participarán as rápidas lanchas T850 e GT60, equipadas con motores de 70 cv de 2 e 4 tempos respectivamente.

Nunha clara aposta pola base, Tui será o escenario do inicio do Campionato de España de GT15, unha categoría con embarcacións máis pequenas e limitada a pilotos de ata 16 anos. Para esta primeira proba xa hai 5 embarcacións inscritas, dúas delas galegas. Carlos Gago anunciou que a Federación becará a un piloto para participar nas catro probas do campionato nacional nesta categoría, utilizando unha embarcación da propia Federación, para o que se realizarán probas de selección e cursos en distintos puntos de Galicia.

A seguridade do evento estará garantida pola Comandancia Naval do Miño, tal e como explicou o Comandante Naval, Andrés Díaz-Ripoll.

O xefe de servizo provincial de Deportes da Xunta, Daniel Benavides, agradeceu o compromiso do Concello de Tui coa promoción do deporte, subliñando que este campionato contribúe a que Galicia sexa un referente na organización de eventos deportivos. Invitou a todos a disfrutar do campionato, de Tui e da súa gastronomía.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, pechou as intervencións mostrando o seu orgullo por que Tui sexa sede deste campionato nacional e agradeceu á Federación a súa elección. Salientou como a celebración dun campionato de España fomenta a afección pola motonáutica tanto en Tui como na comarca, e destacou o compromiso do concello co deporte, que considera unha das principais sinais de identidade da cidade. Amosou o seu convencemento no éxito de público, participación e organización deste evento nunha fin de semana con importante actividade deportiva e cultural en Tui.