sábado. 20.04.2024

Ponteareas volve amosar esta fin de semana a súa faciana máis solidaria. O deporte non competitivo será este domingo 18 o protagonista no VI Torneo Solidario de Bádminton 2022, un certame organizado polo Club Bádminton Ponteareas en colaboración co Concello que reunirá a máis dun cento de deportistas de centros educativos e clubs dun total de nove categorías entre benxamín, alevín, infantil, cadete e absoluto.

O pavillón do complexo deportivo Álvaro Pino acollerá ás e aos deportistas que dende as 09.30 ata as 14.00 horas aproximadamente disputarán diferentes partidos. As inscricións son abertas e gratuítas enviando ata o vindeiro 14 de decembro o formulario de inscrición necesario a través do correo electrónico [email protected] ou de whastapp no teléfono 609 92 74 71. Ademais, cada participante deberá achegar voluntariamente un produto non perecedoiro, especialmente leite, aceite ou produtos de hixiene. O recadado será doado de forma íntegra ao Centro de Reparto de Alimentos municipal, dependente da Concellaría de Benestar Social do Concello de Ponteareas.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, convida a todos os xogadores e xogadoras a inscribirse e “achegar o seu gran de area nesta nobre causa” e anima a toda a veciñanza a desfrutar desta gran festa deportiva e solidaria. “Non podemos máis que agradecer ao Club Bádminton Ponteareas o gran labor que está a facer non só organizando unha nova edición deste evento de carácter social que cobra especial relevancia nesta época do ano, senón tamén polo seu traballo diario para difundir este deporte e crear unha gran canteira que leve o nome da nosa vila ao máis alto.

Torneo Solidario de Bádminton
Comentarios